Baile moderno e música únense coa cultura galega no primeiro espectáculo con Nova Galega de Danza

Bailar doutro xeito

Alento é o nome do primeiro espectáculo da escola "Nova Galega de Danza". Alento é  o que esta compañía significa para o panorama de danza actual. Porque o que estes tres bailaríns, tres bailarinas e seis músicos están a facer, é renovar a danza moderna tomando como base a cultura galega.         


"Nova galega de danza" é unha compañía moi especial. Por varios motivos. En primeiro lugar porque é das poucas compañías de danza profesionais que hai en Galicia; en segundo lugar, porque os seus integrantes teñen unha sólida traxectoria profesional; en terceiro lugar, porque amalgaman baile moderno e música como dúas partes do mesmo espectáculo. E hai máis motivos para que en menos dun ano esta compañía se converta na gran aposta do baile galego.

Danza + música
Todo comezou cando Vicente Colomer e Jaime Pablo decidiron rachar coa súa traxectoria consolidada dentro do "Ballet Galego Rei de Viana", para facer seguir o que consideraban a súa evolución natural. Fundaron primeiro a "Compañía Trintaetrés", pero esa andaina foi breve e o 8 de maio de 2003 presentáronse no Teatro de Madrid, dentro do seu certame de coreografía, como Nova Galega de Danza. Abríase así unha nova etapa no panorama galego.

"Nova Galega de danza é una compañía de músicos e de bailaríns, que xunta a xente coas mesmas inquedanzas artísticas" explica o bailarín Vicente Colomer, un dos artífices da formación. "O nacemento foi algo sinxelo, explica Vicente, logo dunha traxectoria profesional no mundo da danza, chegamos a un punto no que a evolución natural nos levou a querer e pretender a expresar a arte tal e como a sentíamos. Foi entón cando Jaime Pablo máis eu nos puxemos a traballar nun estudo, e logo falamos con José Luís Romero que se foi involucrando no proxecto e comezou a facer parte del".

"Alento" é o primeiro espectáculo da compañía. É unha mostra dese camiño propio que querían seguir e que ten dúas partes: o baile e a música. Porque neste espectáculo a música non se entende sen o baile e o baile non se expresa sen a música. Coreografía e composición asentada en Galicia, de raíz, e cunha forza expresiva sen parangón. É por iso que "Alento" é, como o propio título indica, o alento dunha forma de comunicación artística que supón un azos novos para a danza en Galicia.

Profesionais
"Nova Galega de Danza" xunta dous factores importantes. Por unha banda, a músicos como Pedro Lamas e Xosé Luís Romero (os autores da música orixinal) mais Daniel Sixo, Javier Cedrón, Xavier Díez, Melo Suárez e Suso Iglesias. Alén diso, apunta Vicente, "moitos dos proxectos musicais que hai en Galicia, contaron coa achega e colaboración dos músicos que forman parte de Nova galega".

E, no lado da danza, todos os que forman o corpo de baile son, segundo explica Vicente Colomer, "dos mellores bailaríns que hai en Galicia e que durante a súa contrastada experiencia profesional defenderon papeis de bailarín solista". Os bailaríns que integran a formación son Lilianne Frías, Alba Celpete, Ruth Cordero, Pastor Rodríguez, Jaime Pablo Días e Vicente Colomer. Moitos deles, como é o caso de Vicente, saíron do Rei de Viana, e comenta "nós saímos do ballet galego para facer o noso estilo propio, porque artisticamente o noso tempo no ballet estaba esgotado. Nós o que facemos é moi persoal, o novo vestiario non ten o mesmo protagonismo e o noso espectáculo é moito máis actual".

Problemas comúns
Desde a súa presentación pública no 8 de maio de 2003, "Nova Galega de Danza" non parou de representar o seu "Alento" tanto en toda España como en Galicia. De feito, agora acaban de chegar dunha serie de actuacións por Galicia e sempre, explica Vicente, "coa resposta positiva do público, porque a xente ten moitas ganas de ver danza".

"Nova Galega de Danza" chega ao público a través da produtora Nordesía, que actúa como distribuidora do espectáculo. "E a compañía, asegura Vicente, está onde está grazas ao esforzo dos seus compoñentes". Mentres tanto, a danza continúa a ter os mesmos problemas de financiamento de sempre e o panorama non é moi alentador porque, segundo o bailarín, "non se axuda ás compañías". A súa única vía de financiamento é a entrada nos despachos de billetes; forman parte da rede, pero é insuficiente. Aínda así, recoñece Vicente Colomer desde o IGAEM, desde os teatros e desde entidades como Caixanova, estase dando un impulso á danza. De momento, "Nova Galega de Danza" está a preparar a súa xira para este verán, mentres xa teñen en mente o seguinte espectáculo.