Un inmenso patrimonio arqueolóxico mergullado queda sen investigar pola ausencia de iniciativas públicas

Restos que fan augas

É ben sabido que en Galicia temos restos arqueolóxicos case embaixo de cada leira. Nos últimos tempos vemos constantemente anuncios de postas en valor, conservación e difusión dese patrimonio. Pero non todos os restos reciben o mesmo tratamento. Existe todo un tipo de restos que están sen estudar e sen catalogar e que non contan con planes para súa recuperación a curto prazo. Trátase do patrimonio que se encontra mergullado baixo o mar.

Desde o principio dos tempos, as costas galegas caracterizáronse por ser o escenario dun intenso tráfico marítimo. Calquera navegación que se desenvolvese desde o Norte de Europa cara a calquera lugar do mundo coñecida pasaba por onda nós. "A riqueza de Galicia en arqueoloxía submarina vén dada pola súa situación", apunta Miguel San Claudio Santa Cruz, un dos poucos especialistas neste campo que hai no país. "A historia marítima de Europa pasou ante estas costas. Navíos dos romanos, dos viquingos, as flotas de Felipe II e as de Drake, flotas inglesas das guerras napoleónicas, submarinos da primeira e da segunda guerra mundial, todos deixaron restos nas nosas costas", sinala. Deste xeito, a cantidade de barcos afundidos que se encontran nos fondos mariños galegos é realmente inmenso, tanto polos afundimentos en misións bélicas, coma polos maioritarios naufraxios. "Hai que pensar que estes navíos mergullados son auténticas cápsulas do tempo que conservan no seu interior moreas de datos sobre un momento histórico concreto". As posibilidades de conservación baixo o mar varían moito, xa que mentres na Costa da Morte as accións da corrente tenden a espallar os restos, nas rías existen unha excelentes condicións de conservación e exploración polo calmo das augas e pola grande cantidade de sedimentos que pousan sobre os restos.

O mito de Rande
Ao falar de arqueoloxía subacuática en Galicia xorde inmediatamente a imaxe dos galeóns de Rande. "Son un mito universal. A falar sobre isto sae sempre a flota da prata, mais non é mais que un dos moitos xacementos que temos no país", sinala San Claudio, que lembra por exemplo que, mergulladas ante a Costa da Morte encóntranse vinte e cinco naves da flota de Martín Padilla, afundidas en 1596. Até o de agora, sen embargo, só se investigou un destes pecios. "Martín Bueno fixo en 1988 unha escavación nun dos barcos desa flota e encontrou unha grande cantidade de datos", apunta o arqueólogo, xa que recuperou arredor de 2.500 moedas de prata que deron moita información sobre o tráfico monetario daquel momento histórico. "Os galeóns de Rande están aí e pódeselles tirar unha certa rendibilidade no caso de alguén se chegue a tomar en serio a arqueoloxía subacuática". Polo de agora non hai dúbida de que fixeron da Ría de Vigo unha das zonas máis investigadas do país.

Máis que barcos
Ademais de pecios, no fondo do mar galego encóntranse tamén outros restos de importancia arqueolóxica. Por exemplo restos de edificacións que noutros momentos se encontraban na superficie. "Podemos falar dalgunhas estruturas da época romana que se atopan baixo as augas", sinala San Claudio. Deste xeito, é posíbel que o antigo porto romano da Coruña, se conserve aínda baixo as augas das actuais instalacións ou mesmo soterrado nos recheos que foron facendo ao longo do tempo para amplialas. "Os recheos axudan a preservar moitos dos restos que se encontran nos portos, estas zonas son arquivos da súa propia historia". Deste xeito, na Coruña encontráronse ánforas nos fondos mariños que botan luz sobre o comercio e a actividade que se desenvolveu no porto. Alén de instalacións portuarias están tamén baixo as augas, con toda probabilidade, asentamentos da Idade do Cobre ou mesmo anteriores, resultado dos poboamentos que existían nos vales que eran as nosas rías antes de se veren invadidas polo mar. Dun xeito semellante, na desembocadura do río Ulla existe un depósito que revela a existencia dun importante culto ás augas nesta zona en épocas pretéritas, e aínda está todo por descubrir.

Historia da historia
Para alén dos intentos por recuperar tesouros mergullados coma os traballos desenvolvidos por Robert Stenuit na bahía de Rande durante os anos cincuenta, a investigación de restos mergullados en Galicia ten unha historia breve. Fernando Varela Rodríguez, arqueólogo que investigou polo miúdo a situación deste sector no país considera que as primeiras exploracións arqueolóxicas submarinas que se desenvolveron no país foron as das Organización de Juventudes Españolas, que nos anos setenta puxo en marcha a "Expedición Galatea" para recuperar un pecio próximo á praia da Lanzada. Tamén nesta década naceu na Universidade de Santiago o Club Universitario de Arqueoloxía Subacuática e pouco despois o Grupo de Investigación e Rescate Arqueolóxico Submarino, vencellado ao museo de Santo Antón na Coruña. A pesar das diferentes prospreccións realizadas por este último grupo non se conseguiron resultados relevantes. Nos oitenta o Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén, de Pontevedra desenvolveu novos estudos neste sentido, e a finais desa mesma década nacía a Escola Taller de Mergullo Científico en Vigo, onde se desenvolveu un proxecto de estudo arqueolóxico da ría de Vigo.

Pouca acción
Esta historia non deu sen embargo até o de agora na consolidación de ningunha iniciativa. "Non hai ningún organismo nin institución serios que se dediquen á investigación e á posta en valor deste patrimonio", sinala San Claudio. Con el coincide Varela, que apunta que "a necesidade de organizar un grupo estábel de traballo en Galicia e evidente desde o momento en que se adquire conciencia de que a súa inexistencia potencia a continua destrución e o expolio do abondoso rexistro existente nas nosas augas". "Hai unha única iniciativa da Xunta desde finais dos anos oitenta, que é un paso de xigante aínda que non é de abondo", lembra San Claudio. Trátase da obriga que desde aquela existe de que os estudos de impacto ambiental das obras portuarias inclúan un estudo de impacto arqueolóxico. Sen embargo, segundo os membros do Centro de Investigacións Submarinas, unha das empresas dedicada a facer estes estudos, "nestes casos non aparecen restos moi a miúdo, xorden moito menos do que podería agardarse".

Futuro
Celebracións coma o tricentenario da batalla de Rande supuxeron que, ao longo do ano pasado, a arqueoloxía submarina saltase ás páxinas dos xornais. No entanto, aínda que "naquel momento si puido axudar, non se aproveitou a ocasión" para intentar normalizar este sector en Galicia, segundo San Claudio, que se amosa escéptico de cara a unha vindeira mellora na situación. Do mesmo xeito, a creación do Museo do Mar de Galicia en Vigo tampouco supuxo un impulso para este tipo de investigacións. "Talvez se poidan aproveitar novas oportunidades e vindeiros centenarios para promover un maior apoio institucional arqueoloxía submarina". Mentres, novos restos van pousando nos nosos fondos para futuras arqueoloxías, coma é o caso de certo petroleiro tristemente famoso.