A Fundación Caixa Galicia presenta en "Latitudes" as últimas propostas da arte galega a través do diálogo

Latitudes

Mónica Alonso versus Salvador Cidras: as artes plásticas e a arquitectura. Almudena Fernández versus Álvaro Negro: entre a pintura e o espazo. Caixa Galicia fai converxer na súa última mostra a arte contemporánea a través do diálogo dos artistas. Son as Latitudes, un ciclo de exposicións que presenta o máis contemporáneo da arte galega e cuxa primeira entrega abre mañá as súas portas en Santiago.

"Latitudes é un proxecto de visualización da arte contemporánea, desde a idea de proxecto, desde unha tese que serve para reflexionar sobre o máis actual da arte galega". Quen fala é Jose Manuel Lens, comisario da exposición quen explica que o mellor xeito para expoñer unha tese é confrontando as ideas. Así foi a proposta que comisariou para a Fundación Caixa Galicia cunha posta en escena dialogal, que se está a desenvolver para dar a coñecer o feito creativo noutros lugares do mundo, como na Tate Modern de Londres. Este tipo de mostra implica escoller unha tese central e montar unha exposición partindo do diálogo da obra duns artistas que cumpren unha serie de requisitos.

Paralelo 0
Non hai nada casual na exposición. "Latitudes, explica Jose Manuel Lens, é unha medida de territorio que serve para definir unha paisaxe. E con esta idea o que se pretendía era invitar a descubrir unha xeografía, a partir de ideas entrecruzadas entre si". A mostra pretende realizar unha panorámica do traballo daqueles artistas que, nos últimos dez anos, abriron novas formas de acción e desenvolvemento na arte galega.

Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970), Salvador Cidras (Vigo, 1968), Almudena Fernández (Pontevedra, 1970) e Álvaro Negro (Lalín, 1975) son os artistas que se utilizan como metro-patrón para medir o pulso da arte galega actual. E son eles porque cumpren unha serie de premisas; "en primeiro lugar, explica Jose Manuel Lens, ten que ver un punto de vista xeracional. Son artistas que teñen pouco máis de trinta anos, que se formaron na facultade de Belas Artes ou nesas mesma datas e que supoñen unha ruptura entre a forma creativa dos oitenta e dos noventa desde un punto de vista visual". E, en segundo lugar, son artistas que traballaron novas canles e novo formatos. Experimentaron coa linguaxe creativa durante a súa traxectoria. E non só iso, "Coa mostra, continúa José Manuel, o que se pretende é dar a coñecer o máis contemporáneo da arte galega, e que tamén se está a dar noutros lugares do mundo. Por exemplo Salvador Cidras traballou en Galicia pero tamén o fixo en California e Mónica Alonso en Nova York".

Aínda que o proxecto inicial da Fundación se divida en dúas partes (Latitudes I e Latitudes II) en realidade, explica o comisario, "podería haber tantas como se queira. Poden ser infinitas". A diferenza entre Latitudes I e Latitudes II está nas distintas reflexións que se propoñen. Salvador e Mónica reflexionan desde a arquitectura e Almudena e Álvaro adéntranse no mundo da pintura.

Latitudes I
A primeira parte da exposición inaugúrase mañá venres 27 en Santiago, aínda que despois estará presente (o itinerario está aínda sen concretar) noutros centros que ten a Fundación. Latitudes I achégase ás contaminacións no máis amplo sentido da palabra, como se foron relacionando os conceptos de artes plásticas e arquitectura. "Escolleuse a Mónica e a Salvador, explica o comisario, porque se trata dun concepto xeral que explican bastante claro os artistas". Os dous artistas expuxeron no CGAC, na Bienal de Arte de Pontevedra e fóra de Galicia e, cunha traxectoria de dez anos, son os dous grandes piares da nova creación galega.


Latitudes II
Latitudes II non é exactamente unha segunda parte, senón a outra cara da exposición que se centra no tema da pintura a través da obra de Almudena Fernández e Álvaro Negro. Con eles, explica Jose Manuel Lens, pódese apreciar mellor o cambio de década "Nos 90 a pintura foi un mecanismo de experimentación e iso que traballan con linguaxes e formatos diferentes. Almudena traballa sobre lenzo, mentres que Álvaro faino máis con fotografía". Aínda que non ten data fixada da inauguración farase en xullo e agosto no Café Moderno de Pontevedra, co que coincidirá no tempo coa Bienal de Arte.


Dialogar implica debater
Con esta proposta a Fundació Caixa Galicia pretende facer un exercicio de análise, un pulso dos derroteiros e camiños polos que está a seguir a arte contempránea. E, alén de facer dialogar a obra dos artistas, creada especialmente para esta mostra, completa o ciclo con mesas redondas e unha conferencia.

As mesas de debate están integradas por Miguel Fernández Cid, director do CGAC e responsábel das exposición dos artistas que forman parte de Latitudes; David Barro, crítico de arte e Jose Manuel Lens que, como moderador, pretenderá conducir a conversa como unha análise dos camiños que está a seguir a arte galega actual. E de forma paralela á mesa redonda está a conferencia de Fernando Agrasar, profesor da facultade de arquitectura, que analizará movementos históricos onde se fusiona a arte e a arquitectura.

E para que quede constancia da radiografía ao mundo da arte a Fundación Caixa Galicia editará un catálogo individual para cada unha das entregas. En "Latitudes I" cóntase tamén coa participación de Josep María Montaner, catedrático da Escola Superior de Arquitectura de Barcelona, e Martí Perán, profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Barcelona que afondarán na relación entre a arquitectura e a arte.

Galería: Obras da exposición

Galería: Obras da exposición

Salvador Cidrás. "Mural".
Salvador Cidrás (Vigo, 1968). Comezou a súa andadura artística a principios dos 90 cun traballo de creación que indicaba unha ampla variedade de técnicas artísticas e industriais. Desde entón foise abrindo un oco no panorama expositivo. Cidrás expuxo en individual e colectivo no Macuf, nas Mostras Unión Fenosa, en ARCO desde o ano 95, na Bienal de Arte de Pontevedra, nos Ánxeles, en California e foi o primeiro artista galego en facelo no Museo Reina Sofía. Traballou en Londres, San Sebastián; Nova York, Berlín... e a súa obra pode verse nas principais coleccións de arte de Galicia.

Mónica Alonso.

Mónica Alonso. "Magnífico espazo"

Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) leva unha traxectoria de dez anos de creación artística desde que se licenciou na Facultade de Belas Artes de Salamanca. A maior parte da súa obra reflexiona no que ela chama "Espazos terapéuticos personalizados". Unha investigacións a medio camiño entreo a escultura, a instalación, a pintura o deseño e mesmo a arquitectura. Fe feito, a súa obra incríbese no marco da tradición que vai desde o Construtivismo ruso ao minimalismo, pasando polas ideas da Bauhaus, o Pop Art. e ten conexións directas coa obra desde artistas como Ellsworth Kelly ou Sol LeWitt.

Salvador Cidrás.

Salvador Cidrás. "Eu quero ser coma ti"

Mónica Alonso.

Mónica Alonso. "Cama vermella para entorno natural"

Salvador Cidrás.

Salvador Cidrás. "Departamentos"

Centrífuga para fantasías. Mónica Alonso

Centrífuga para fantasías. Mónica Alonso