A Lei do audiovisual de Galicia define o sector como un punto estratéxico desde o punto de vista económico e cultural

Un cine con normas

A Lei do Audiovisual de Galicia chegou en outubro de 1999 para converter o mundo do audiovisual en sector estratéxico. Productores, profesionais, políticos e público comezaron a ver que dedicarse ao audiovisual era unha vía a medio camiño entre o negocio e a cultura. Foi así como naceron as axudas ás diferentes fases do proceso produtivo, a coordinación de esforzos entre distintas consellarías e a creación de institucións para facilitar unha visibilidade da que non gozara até o momento o mundo do cine.

Coa aprobación da Lei do Audiovisual de Galicia (Lei 6/1999 de 1 de setembro) conseguiuse un acordo no Parlamento que só se producira coa Lei de Normalización lingüística. Por segunda vez na súa historia, na rúa do Hórreo todos os grupos políticos estaban de acordo na importancia do audiovisual que debe seguir dúas direccións: por unha banda para reforzar culturalmente a identidade galega e, pola outra, para convertelo nun sector de negocio economicamente rendíbel.

Entre a cultura e a industria
"Tendo en conta a importancia cultural e económica do sector audiovisual – explica a propia lei- cómpre que se estimule e se potencie o crecemento e o desenvolvemento dese sector estratéxico coa creación dun marco legal que lles permita aos cidadáns expresarse cos medios oportunos dentro do noso espazo audiovisual e cultural". A filosofía queda bastante clara. O sector audiovisual deixa de entenderse como unha afección a cuxo abeiro naceu un pequeno sector empresarial, senón que comeza a considerarse como unha industria cunhas posibilidades de negocio. E iso únese ao propio feito de que o cine é un medio transmisor de ideas que debería aproveitarse para contribuír a difundir un sentimento identitario.

Ser sector estratéxico implica unha serie de medidas que pasaban en primeira instancia pola definición da política xeral da Xunta nesta materia. Foi desde entón cando a Xunta comeza a falar de que esta sería a "lexislatura do audiovisual", ao mesmo tempo que comezaba a subvencionar o audiovisual nas diferentes fases do proceso creativo (produción, rodaxe, postprodución...); promover iniciativas educativas entre o ámbito dos profesionais para mellorar a calidade do seu traballo e a creación dun marco institucional que lle fose dando ao sector toda a forza que fose precisa para a construción do mesmo.

Remar cara o mesmo lado
A propia Lei estabelece as pautas da que define no seu artigo 6º como "política integral de coordinación do sector" entre os diferentes departamentos administrativos e, á súa vez, destes coas organizacións empresariais e profesionais. E este camiño conseguiuse ao coordinar as consellarías de Cultura, Economía, Industria (hoxe Innovación), Familia e Educación. Economía e Industria achegaron o seu grande de area coa creación dun Fondo de Financiamento xestionado a través do IGAPE con dous tipos de axuda (recuperábeis e a fondo perdido); a carteira que presidía Pérez Varela anunciou o incremento dun 30% do orzamento que se destinará á produción e promoción do audiovisual ao pouco de aprobarse a lei e que se traduciu nun aumento do número de producións do seguinte bienio; Educación contribuiría á formación do persoal e con proxectos como "Audiovisual nas aulas" nos que os nenos comezarían a ter claves da linguaxe audiovisual desde secundaria.

Outra das pautas que estabelecía a lei no seu sexto artigo implica "incentivar a produción propia de animación, con axudas específicas aos estabelecementos de produción". E o resultado foi especialmente bo porque con Dygra e Fílmax Galicia comeza a facerse un oco dentro da produción de animación. Dygra consolidouse neste tempo como factoría de animación e Fílmax creou en Santiago Fílmax Animation, a división de animación da empresa dirixida por Julio Fernández e que recollía o testemuño deixado por Bren Entertainment. Neste tempo estreáronse dúas longametraxes (O Bosque Animado e O Cid), e están en proceso de creación outras catro, alén de numerosos proxectos de series para televisión e curtametraxes.

Mais hai máis, a promoción da actividade audiovisual pasa polas múltiples alianzas que as diferentes institucións galegas estabeleceron con entidades estranxeiras e que deu lugar a xornadas como as de Cinespain en Tolosa (Francia), o Cartón Forum Europeo (que se desenvolve na Coruña), na Semana de Cine galego de Bos Aires, no Festival de Cines de España e de América Latina... e tantas outras citas que foron organizadas polas diferentes institucións creadas ao abeiro da lei.

As entidades
Desde que a lei foi aprobada, tardouse bastante tempo en reaccionar conforme ao aprobado no Parlamento. Sobre todo no que atendía á creación das entidades que marcaba o texto lexislativo. Tres anos despois da aprobación do texto creouse o Consorcio Audiovisual de Galicia (17 de outubro de 2002), unha entidade que tiña como cometidos impulsar o sector audiovisual fomentando a produción, creación de emprego, a investigación e o uso do galego no audiovisual. E xa non só para Galicia senón tamén para dar a coñecer o audiovisual galego no exterior. Con ano e medio de andaina o Consorcio foi abrindo un camiño organizando xornadas de formación de profesionais, promovendo as curtametraxes con Curtas'03 e é unha das entidades presentes na organización de foros para dar a coñecer a produción galega fóra da Galicia administrativa. E un mes máis tarde, en novembro o Concello de Santiago puña en marcha a Santiago de Compostela Film Commission, unha entidade integrada dentro do seu Plan de Excelencia Turística e que pretendía facilitar e fomentar as rodaxes en Galicia. O resultado foi que Galicia comezou a figurar como "plató de cine" e directores de recoñecido prestixio como Alejando Amenábar (con "Mar adentro"), Manuel Gutiérrez Aragón (con "A vida que che espera") e mesmo Pedro Almodóvar (con "A mala educación") xa rodaron aquí as súas últimas longametraxes.


O sector
Mais falta considerar o sector como unha vía de negocio que se manteña por si só, e que non dependa unicamente das subvencións. Nese sentido as empresas decidiron asociarse e constituír o Clúster do Audiovisual, para darlle o mesmo nivel que gozan para si outras actividades produtivas como o téxtil, a madeira ou a automoción. Naceu o 25 de febreiro de 2003 e contou desde a súa creación cun pequeno atranco, ao non conseguir integrar a AEGA, Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (que agrupa o 60% do sector), ao considerar naquel momento, en palabras da que era a súa xerente Teresa Porto, "non existe un proxecto de traballo claro e o informe que se presentou non analiza a viabilidade, nin marca obxectivos". O Clúster segue a traballar na consolidación dun sector que está integrado na súa maior parte por pequenas empresas con poucos traballadores e con carteiras de traballo desiguais.

A lei é o primeiro paso para ir consolidando o sector, que marcou a implicación da Xunta apoiando ao mundo do audiovisual, mais cómpre ver se se consolidan proxectos como a Cidade da Imaxe e como evoluciona o Clúster para comprobar que realmente o sector comeza a estruturarse como tal e verdadeiramente nace unha industria do cine en Galicia.