O software libre ofrécelles aos usuarios a posibilidade de traballar cos seus computadores en galego

Ordenadores ben falados

A dificultade para conseguir que as grandes compañías de informática ofrezan os seus produtos en galego son unha constante desde o comezos da universalización da informática. Aínda a pasada semana facíase pública a próxima existencia dunha versión de Windows XP en galego. Sen embargo, hai quen non quere agardar polas compañías nin polas decisións administrativas e, a través de software libre coma Linux, traballan desde hai anos para que os seus ordenadores estean en galego.

O software libre é ese tipo de programas que permite aos usuarios dispor del gratuitamente, modificalo e publicar á súa vez as novas versións que chegan ás súas mans. O traballo de milleiros de persoas en todo o mundo permitiu que na actualidade existan todo tipo de programas dispoñíbeis neste sistema. A tradución é unha das modificacións posíbeis que se poden aplicar a estes programas, feito que foi aproveitado por moitas culturas minorizadas para dispor de material informático no seu idioma. O caso galego non podía ser menos.

Trasno
En marzo do ano 2000 varios grupos e persoas que traballaban por separado na tradución de software libre e de documentación sobre informática decidiron unirse para optimizar o seu labor ao tempo que buscaban unha terminoloxía común para os programas. Despois de dous meses de existencia, co nome provisorio de LeGal (Linux en Galego), decidiron adoptar o a denominación de Trasno. Desde aquela os afeccionados á informática integrados neste colectivo foron vertendo para o galego diferentes ferramentas deste sistema operativo, desde o sistema operativo GNU/Linux até o Gnome, unha aplicación que permite aos usuarios dispor dun escritorio no estilo do Windows ou do Mac. Tamén outra aplicación semellante, o KDE, está xa case totalmente dispoñíbel no noso idioma, do mesmo xeito que o programa de deseño gráfico GIMP ou o X-Chat.

Complexidades
Curiosamente o traballo destas persoas permitiu que o Gnome contase cunha versión en galego (aínda que sen rematar) mesmo antes que noutros idiomas diferentes do inglés. Segundo explica Manuel Montecelo, un dos fundadores de Trasno, "isto é posíbel porque non había nin hai case ninguén que traballase niso para ningunha lingua. Lin recentemente que todo o traballo de tradución no Gnome para portugués o facía unha soa persoa, mentres que aquí pasou polas mans de tres". Ademais de programas, o grupo preocupouse desde o comezo por crear documentación sobre informática no noso idioma e crearon un pequeno dicionario de termos informáticos en galego coa intención de harmonizar o seu vocabulario. É este un traballo menos agradecido que a tradución de programas, como sinala Montecelo, "para traducir a documentación hai que traballar moito, nos programas traduces só as cadeas, do tipo 'gardar como' ou semellantes e é máis visible". Sen embargo o traballo con programas supón tamén outros problemas "os programas medran e o que está traducido vai ficando atrás e precisa revisións e novas traducións". Na actualidade o principal traballo que están a desenvolver no proxecto Trasno é a tradución do navegador Mozilla que realiza Xacobe Tarrío. Mentres, o resto dos membros realizan actualizacións dos diferentes programas xa traducidos, estando limitados, como tan a miúdo acontece do traballo voluntario, polo tempo libre de que dispoñen.

Oficinas en galego
Unha das iniciativas que están máis avanzadas é o proxecto Ceibe, dedicado á tradución do Openoffice. Este é un conxunto de programas que inclúe aplicacións coma folla de cálculo, procesador de textos, un programa de deseño e outro para facer presentacións. Roberto Abalde e Xurxo Rivas son os dous promotores desta iniciativa, e xa teñen en galego boa parte destes contidos. Quedan pendentes de completar os arquivos de axuda e o programa estará totalmente dispoñíbel para os usuarios de Linux do país.

Dicionarios
Unha das persoas que leva máis tempo traballando na tradución de programas informáticos ao galego é Ramom Flores, que, ademais de colaborar nas versións de diferentes programas, tamén abordou a elaboración de dicionarios de galegos para correctores ortográficos coma o Ispell, Aspell ou o Myspell. Flores sinala que, "en comparación co software propietario, hoxe en día hai xa máis software libre traducido, e ademais software de maior entidade, non só programas menores senón partes importantes do sistema operativo". De calquera xeito, tamén aplicacións concretas para diferentes sistemas operativos están dispoñíbeis no noso idioma, moitos deles organizados a través do web Xeise.

Desde o principio
Aínda o pasado ano dábase a coñecer Agnix, unha asociación que ten coma obxectivo a creación dunha distribución de Linux, é dicir, un sistema operativo completo, semellante a tantos outros dispoñíbeis no mundo, desenvolvido integramente desde aquí e dispoñíbel no noso idioma. Alén de crear a súa propia distribución, que levará o nome de GNIX, este grupo de informáticos quere promover tamén a implantación de software libre na administración, algo no que coinciden con outros colectivos do país coma o propio Trasno ou o GLUG (Galician Linux User`s Group). Para dentro de poucas semanas farán pública a primeira versión do traballo, que teñen xa moi avanzado.

A Mesa
Recentemente a Mesa pola Normalización Lingüística anunciaba a súa intención de emprender tamén traballos para crear versións de Linux en galego, coincidindo coa súa solicitude de que a Xunta apoiase a tradución do Windows. Segundo sinala Carlos Callón, presidente deste colectivo, esta proposta continúa en marcha. "Desde a Mesa levamos anos reivindicando Windows, a nosa intención é facer tamén unha campaña potente sobre informática, non nos conformamos só con que estea o Windows XP en Galego", apunta, e anuncia que en breve se darán a coñecer novas iniciativas deste colectivo na busca dunha maior normalización do idioma no campo da informática.

O camiño continúa
Como se pode ver, a idea de ter software libre no noso idioma e de favorecer o seu emprego público está presente desde hai anos na mente de moitos afeccionados á informática. No entanto, o pouco coñecemento xeral que existe sobre este tipo de programas dificulta en grande medida o éxito. Iniciativas coma a da Mesa ou a recente creación de Linux-Galicia, que coordina varios dos grupos de usuarios deste sistema no noso país poden ser o apoio necesario para difundir este tipo de programas en galego. De calquera xeito, e como moi ben sinala Montecelo no seu artigo "Software e linguas minorizadas", "o software libre non é a solución a todos os problemas das linguas no campo da informática, se non hai xente que o traduza de pouco serve. E se non hai material na nosa lingua (webs, textos, material multimedia) pois o software libre non o vai crear por nós".