A participación galega chega á 23 edición de ARCO esperando repetir os resultados das últimas feiras

Arte con PVP

11/2/2004 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
8 lecturas | Compartido 0 veces
Cada quen conta a feira segundo lle vai nela. Hoxe comeza en Madrid a vixésimoterceira Feira de Arte Contemporáneo (ARCO) onde seis galerías galegas, o CGAC e o Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa (Macuf) xa teñen o seu espazo listo para unha feira que, por primeira vez, sae do parque feiral Juan Carlos I para expoñer polas rúas de Madrid.
Arco é, ante todo, unha feira onde as galerías van expoñer as súas obras que refliten unha forma de entender a arte contemporánea e onde gaña máis o que máis vende. E, como un nunca pode predicir as vendas, as galerías acoden ano tras ano coas máximas expectativas. A representación galega está marcada por seis galerías, aínda que son só cinco espazos. Desde Santiago Trinta, desde Vigo Bacelos, Ad Hoc e VGO (que presenta unha proposta conxunta coa santiaguesa SCQ) e desde Ourense Marisa Marimón. Completan a presenza galega o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo de Arte Unión Fenosa (MACUF).

Asumpta Rodríguez, directora da galería Trinta, explica que "este ano, coma todos é igual de imprevisíbel, por iso as galerías e os artistas poñemos as veas e os mastros co noso máximo empeño, e logo os encargados de soprar son os coleccionistas. Son eles os que deciden".

E os ventos en Madrid sopran igual de indefinido ca nunca. Aínda que a feira se inaugura hoxe, non é até mañá cando se pode apreciar o pulso das vendas, porque é cando Arco abre publicamente as súas portas. "Mentres estás montando o teu espacio- di Asumpta da Galería Trinta- paréceche que todas son mellores que a túa, que todo o mundo ten mellores obras, pero até que chegan os coleccionistas, cos seus gustos, non poder comprobar realmente como funciona a túa proposta".

A arte ten un prezo
Se hai un punto no que coinciden as directoras das galerías Ad Hoc, Inés Ramiro, Bacelos, María José Gómez, e Trinta, Asumpta Rodríguez, é que estar en Arco durante catro días ao ano é vital para a traxectoria da galería. Con todo o custe que iso supón, porque estar en ARCO non é gratuíto, nin moito menos. "Entre traslado de material, o espazo, estadía... e dependendo dos metros –calcula María José Gómez de Bacelos, estar en Arco pode supor 15.000 euros". Até 18.000 euros chega o orzamento de Ad Hoc para esta edición, cifras nada desdeñosas e que teñen que custearse dos seus petos. Os galeristas quéixanse da falta de apoio institucional neste mercado, "as galerías galegas vamos en inferioridade de condicións, asegura Inés Ramiro, porque outras galerías teñen axudas da súa comunidade que vai desde o custe do espazo ate unha contía económica duns 6.000 euros".

Hai anos mellores e anos peores, pero aínda que as vendas non cubran os custes, as galeristas están de acordo en que compensa. E este altruísmo? Non é tal. A directora de Ad Hoc, Inés Ramiro, estabelece que "estar en Arco é importantísimo, porque hai moito público, críticos, coleccionistas.... é un escaparate". Asumpta Rodríguez vai máis alá "nós tivemos anos non moi frutíferos, pero nos que coñecemos a coleccionistas que hoxe son moi bos clientes. Nunca se sabe".

E para vender hai que convencer. E as galerías galegas, entre os seus axustados orzamentos, preparan espazos atractivos, que basean toda a súa forza nas obras. E cada galería pretende ofrecer unha liña que resume o seu espírito. Por exemplo, a Galería Trinta ten como eixes da súas exposición, en palabras da súa directora, "artistas novos e arte de vangarda" e, todas elas coinciden á hora de incluír nos petos debaixo do brazo aos seus artistas en nómina, aos seus valores seguros. "Levas, asegura María José Gómez da Galería Bacelos, á xente coa que traballas todo o ano, os teus valores seguros, aqueles que xa gustaron nas edicións anteriores de ARCO e algunha aposta persoal". Asumpta Rodríguez, de Trinta, asegura que é un pacto a varias bandas, "por un lado, negocias co artista para saber a peza que prefire expoñer, por outro lado está a imaxe que a galería quere ofrecer de si mesma e polo outro está o gusto do coleccionista".

Unha area no deserto
A presenza galega non é máis que unha area no deserto. Son seis entre as 273 galerías que están desde hoxe até o domingo e entre as que estarán nomes emblemáticos como a alemá Gebauer, a brasileira Fortes Vilaça, as madrileñas Helga de Alveaz, Elvira González ou A fábrica, Tomas March de Valencia, Mario Sequeira de Praga, Filomena Soares de Lisboa, a parisina Thessa Herold .... e tantas e tantas outras. A calidade das obras e a profesionalidade dos galeristas que cada ano soben o nivel fai que a competencia na feira sexa máis dura e difícil.

Pero ademais das exposicións, Arco ten máis citas case ineludíbeis: os futuríbeis (a sección que expón o máis vangardista e experimental do panorama mundial); os Project Rooms (unha sección que investiga as novas propostas, descobre autores emerxentes e provocar unha reacción ante as artes visuais); as novas tecnoloxías (a exposición sobre arte tecnolóxica e dixital); o arquitectura do propio recinto con espazo para os chill outs e as diferentes propostas arquitectónicas; o vestiario a cargo do sempre polémico David Delfín e, é por suposto, a última novidade: "Madrid aberto". Unha sección que saca as propostas da arte contemporánea ás rúas madrileñas da man de artistas novos en intervencións impactantes con coches que proxectas explosións, bandas de aves de plásicos, espellos no depósito de auga da praza Castilla... e moitas sorpresas máis.

Universo culturagalega.gal