Un enxeñeiro de Telecomunicacións reconstrúe o Vigo do século XIX

Vigo virtual

As prazas, as rúas e os diferentes barrios pechados dentro dos muros do Castelo de San Sebastián do Vigo decimonónico poderán ser visitados virtualmente. Esta visita é o resultado de ano e medio de traballo do coruñés Francisco Pardo que escolleu "Vigo no século XIX" para facer o seu proxecto fin de carreira.


Proxecto fin de carreira




Ano e medio de dedicación exclusiva conforman o proxecto de fin de carreira de Francisco Pardo. Este coruñés pretendeu recrear, a través da linguaxe VRML, o Vigo do século XIX. Un traballo que precisou dun amplo e profundo proceso de documentación, para poder levantar unha cidade completamente diferente da actual, moi fiel á construcción tal e como a percorreron os nosos antepasados.











Documentación





Para o proxecto de fin de carreira de Pardo precisou dun forte traballo de documentación. Así houbo de partir dun bosquexo inicial a partir do que foi situando o predeseño tridimensional. Do Arquivo do Reino de Galicia na Coruña obtivo o plano de Francisco Coello do 1856, no que baseou a distribución da súa cidade e que logo afondou na “Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo” de Taboada Leal do 1840. Completou a súa fase de documentación co Arquivo Pacheco; un arquivo que a finais do 1999, época de comezo do seu traballo, amosaba os vestixios que no principio do XX quedaba da antiga ordenación urbana; e todo isto sen esquecer a consulta de obras contemporáneas como “Vigo, la ciudad que se perdió” de Jaime Garrido. Mesmo apreciou no deseño final do seu proxecto os cambios urbanísticos que ten a propia cidade no 1860. Non obstante, aínda sobreviven zonas como a do casco vello que pouco teñen mudado o seu aspecto dende o século pasado. Unhas características que respectou plenamente dándolle ó seu proxecto un valor documentalístico importante debido á súa verosimilitude.





Un proceso continuo



Logo do proceso de documentación, o proxecto de investigación da planta urbanística, Pardo foi levantando as rúas, os barrios e as prazas públicas. Foi situando así o predeseño, a partires do que foi configurando o proxecto final. Ano e medio de traballo para conseguir darlle ó proxecto a máxima fidelidade e verosimilitude. De feito o bosquexo complétase coa incorporación de persoas e de especies vexetais.