O CGAI leva trece anos traballando na conservación, documentación e difusión da imaxe

Imaxes de recurso

Akira Kurosawa, Cesáreo González, Nicolás Philibert, Jacques Tati e os novos realizadores galegos. Estas son algunhas das propostas que ofrece para este mes o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Unha institución que pretende servir de difusión do patrimonio audiovisual e que desenvolve o seu labor ininterrompidamente desde hai trece anos.

O Centro Galego de Artes da Imaxe naceu moito antes de que existise unha lei do audiovisual e, por ende, o conxunto de sociedades que conforman ese tecido institucional que ampara hoxe ao mundo da imaxe. Creado en 1991 (aínda que o decreto que o regula é de marzo de 1989) abriu as súas portas na Coruña cos obxectivos, segundo reza na súa páxina web, de "conservación, documentación e difusión da imaxe en todos os sentidos". É dicir desde a imaxe que se tomou na emigración, até a curta máis recóndita gravada neste país, O CGAI pretende recuperar a imaxe gráfica que xa se comezara a almacenar no desaparecido Arquivo de Imaxe (que tivo unha curta andaina, de 1984 a 1985).

Recuperar o tempo perdido
Preservar a imaxe, para gardar, conservar e darlle saída a todos aqueles retazos da memoria que están plasmados en papel ou en vídeo. Desde a súa inauguración o Centro Galego de Artes da Imaxe recuperou películas, organizou exposicións, ciclos de conferencias e levou as nosas imaxes polos mercados, mostras e festivais audiovisuais. O CGAI abandeirou no seu momento unha recuperación da imaxe, cando os arquivos non existían, cando o audiovisual non estaba considerado unha fonte de negocio, nin existía o interese empresarial nin político actual por facer do mundo da imaxe unha forma de vida, senón que simplemente a plasmaba.

Malia partir de cero o CGAI foi quen de prender a chama do audiovisual en Galicia. E fíxoo abrindo flancos en diferentes frontes que darían pé a vías de traballo no que hoxe en día traballan diferentes institucións: organizou diferentes actividades formativas orientadas tanto á divulgación técnica e histórica como á reciclaxe profesional dos integrantes do audiovisual galego; seguiu as liñas clásicas de calquera filmoteca (é membro asociado desde 1999 da Fédération Internaionale des Archives du Film –FIAF, entidade que agrupa ás principais filmotecas do mundo) e serviu de centro exhibidor proxectando en versión orixinal filmes que por cuestións de distribución non chegan ás salas comerciais e que responden a diferentes momentos ou etapas da historia do cine; restaurando películas (tanto longametraxes como curtametraxes) históricas que corrían o risco de desaparecer; editando libros sobre cine e fotografía ("Carlos Velo, mestre do documental", "A fotografía nas coleccións galegas") e creando unha serie de bases de datos que almacenasen documéntaos audiovisuais en movemento con independencia do seu formato (cine, vídeo...) e poñendo ese material a disposición e consulta de todo o mundo.

A internet e os números
Mais o panorama mudou e agora o CGAI conta cunha lei que regula o audiovisual galego, que estabelecía a creación dun órgano básico como é o Consorcio do Audiovisual (posto en marcha o 16 de outubro de 2001), apareceron sociedades como a Academia Galega do Audiovisual ou o Clúster. E nese novo panorama, o principal hándicap que mantivo o centro foi continuar coa súa actividade e ao mesmo tempo subirse ao carro das novas tecnoloxías. Foi así como unha das principais tarefas que desenvolveu, e que ten tamén máis presenza pública, foi a de ir envorcando moitos deses servizos de xeito gradual na internet. Grazas a esta iniciativa é como se poden coñecer na rede as bases de datos que indican os títulos en soporte cinematográfico (1.050 títulos, dos cales un 38% son de produción galega, un 17% de produción española e un 45% estranxeiros) e videográfico (con 995 títulos dispoñíbeis para a súa consulta tanto a nivel histórico ou educativo no Centro); facer as xestións para solicitar calquera dos servizos de préstamo (que conta con 155 títulos dispoñíbeis en formato VHS e 89 en formato cinematográfico) e ver en rede películas (curtametraxes, longametraxes, cine histórico e recuperado).

Os fondos menos visuais mais tamén importantes
Mais hai moito máis, o CGAI como arquivo de imaxe conta tamén con toda unha sección encargada a recuperar o fondo fotográfico. Actualmente conta con 10.000 unidades, entre copias e placas de fotógrafos históricos, series de fotografía contemporánea galega e obras de fotógrafos galegos en soportes non fotográficos. E ese mesmo arquivo conta tamén cunha colección de máis de 6.000 carteis de películas galegas, españolas e estranxeiras, alén dos relativos a certames de fotografía e festivais de cine e vídeo de Galicia.

Con 7.300 títulos e 276 cabeceiras de prensa periódica, a biblioteca do centro contén un importante fondo (tamén consultábel a través do seu sitio web) relacionado co mundo da imaxe e coa ámbito da comunicación en xeral, sendo un foro de encontro de estudantes de imaxe, investigadores, profesionais do medio e profesores.

O CGAI alén de ser unha das institucións máis antigas do país en materia de imaxe, continua paseniñamente no seu empeño de conformar o patrimonio audiovisual galego tanto polos seus valores artísticos como documentais.