Comeza a Semana das Ciencias cunhas xornadas de portas abertas

Entendendo a ciencia de balde

A Coruña e Ourense lideran os actos organizados con motivo da Semana Europea das Ciencias. Cinco días nos que se pretende demostrar que a ciencia "é cousa de todos" e que os seus resultados melloran a calidade de vida. Entre os principais actos organizados destacan as xornadas abertas nos museos coruñeses, as xornadas abertas ó Parque Tecnolóxico ourensán e a visita guiada ó Centro Oceanográfico de Vigo. Actos divulgativos para dar a coñecer o saber científico.

Os actos da Coruña

Hai uns días anunciabamos a participación dos colexios coa elaboración dun ADN xigante dentro dos actos programados para a Semana Europea das Ciencias. Era a súa aportación a un proxecto que pretende facer moito máis divulgativo o saber e o coñecemento científico achegándoo a realidade. A este acto se lle engade o feito de que a entrada ós tres centros museísticos máis importantes da Coruña será de balde durante esta semana. Un percorrido que os organizadores (o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, o concello e a Universidade) recomendan iniciar na Casa das Ciencias (creada en 1984) e que foi o primeiro museo interactivo de España; continuándoo por un percorrido polo interior do home (a Casa Domus); finalizando cun acercamento ó mar a través da Casa dos Peixes.
Compleméntase este programa de actos con unha serie de conferencias. Esta tarde ás sete, a Casa das Ciencias acollerá a primeira xornada, que consiste nunha xornada de divulgación astronómica. Mañá ás oito Manuel Guirao, profesor do departamento de Ciencias Morfolóxicas da Universidade de Granada ofrecerá unha conferencia titulada "Anatomía. Viaxe ó corpo humano" no que guiará ós asistentes nunha viaxe a través da historia da anatomía. Unha chala na que abordará o afán do ser humano de loita contra as enfermidades.










De Ourense a Vigvo

Vigo tamén se quere sumar a estes actos de carácter divulgativo, e por iso abre as portas do seu Centro Oceanográfico onde se realizarán visitas guiadas de xeito gratuito. Un feito moi semellante ó que se desenvolverá en Ourense nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia. Unhas xornadas que se celebrarán en días diferentes con visitas guiadas para xente distinta. Comezan as xornadas hoxe coas visitas dos estudiantes da Universidade de Vigo (do campus de Ourense) ás que lle seguirán a dos empresarios ourensáns (o mércores, 14); os alumnos dos cursos para emrendedores do Instituo para a Creación de Empresas (xoves 15) e por último os alumnos de FP de Ourense (venres 16). Os actos terminan na cidade das Burgas o vindeiro día 17 de novembro cun Seminario de Telecomunicaciones, organizado por BYM I+D que pretende estudiar o impacto da nova normativa sobre o deseño de emprazamentos radio. Estes actos están organizados polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía en colaboracióncoa Cámara de Comercio de Ourense.