O Museo do Pobo conmemora os 50 anos da constitución seu Padroado

O organismo naceu en 1976 para impulsar a creación deste centro

| Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
Compartir:
O Museo do Pobo conmemora os 50 anos da constitución seu Padroado

O 24 de abril de 1976, o auditorio do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, acollía a reunión fundacional do Padroado do Museo do Pobo Galego. Co obxectivo de impulsar a creación dun museo para Galicia, esta entidade comezaba unha actividade que tomaría forma o 29 de outubro do ano a seguir coa apertura deste centro. A coincidir co 50 aniversario da entidade, o Museo celebra este 24 de abril un acto de conmemoración daquel fito.

O Auditorio do Museo, en San Domingos de Bonaval, acolle na mañá desta xornada o acto, que se centra na lectura da acta fundacional a cargo do secretario do Padroado, Francisco Javier Sanjiao Otero, e da intervención do patrón fundador Xosé Manuel González Reboredo, quen ofrecerá o discurso conmemorativo "Un lugar de memoria de Galicia". 

 

No evento preséntase tamén unha peza audiovisual que fai un percorrido pola historia do organismo e a súa evolución. Intervencións institucionais do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e da presidenta do Padroado, Concepción Losada Vázquez fan tamén parte do acto. 

 

A música terá presenza ao longo da xornada con intervencións de Blanca Bello Sobral (viola) e Carlos García Amigo (violonchelo), que interpretarán pezas de distintas épocas. Canda a eles, Faia Díaz achegará un repertorio tradicional procedente do Arquivo Lomax e do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo.

Que che parece esta nova?
121 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito