Momento da reunión Foto: Eurorrexión Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico ven de reunir na localidade portuguesa de Braga a diversos festivais de cinema da Galicia e do Norte de Portugal co obxectivo de xerar unha dinámica común que permita impulsar o cinema da Eurorrexión. A iniciativa partiu do Festival de Cans e foi transferida para o Eixo Atlántico coa finalidade de estruturar unha rede de festivais da Eurorrexión, fomentando o coñecemento mutuo, a creación compartida e a comercialización conxunta das producións audiovisuais galegas e portuguesas.
Nesta primeira reunión, pola parte galega participaron representantes dos festivais Curtocircuito (Santiago de Compostela), OUFF – Ourense Film Festival (Ourense), Cineuropa (Santiago de Compostela), Festival Internacional de Cinema de Bueu (Bueu), Galician Freaky Film Festival (Vigo), Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (Pontevedra), Mostra de Curtas Vila de Noia (Noia), Mostra MARES do Fin do Mundo (Outes). Mentres que pola parte do norte de Portugal estiveron representantes do Cinanima (Espinho), Curtas Vila do Conde (Vila do Conde), Porto/Post/Doc (Porto) e Fest Espinho (Espinho).
Na reunión foi analizada a situación da industria cinematográfica tanto en Galicia como en Portugal, os niveis de colaboración xa existentes e as vías para reforzar, a partir do Eixo Atlántico e das súas cidades, a cooperación entre ambos os territorios. Unha segunda reunión terá lugar no vindeiro mes de maio en Guimarães, no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlântico 2027. No encontro tamén estiveron Catarina Miranda, Vereadora da Cultura da Câmara Municipal de Braga, e Nuno Gouveia, Administrador Executivo da Faz Cultura (Câmara Municipal de Braga), ademais do Secretário-geral do Eixo Atlântico, Xoán Vázquez Mao.

