A conversa pausada, con tempo e profundidade; o falar sen cancelas que pode ir do máis importante ao máis cotián; a pausa, o freo á vertixe e ao individualismo na contra da comunidade. Con estes vimbios Fillas de Cassandra crearon o que será o seu segundo disco longo 'Tertulia'. Antes da publicación do disco, prevista para o vindeiro día 24, o dúo ven de presentar unha instalación que expande esas ideas das que se nutre a súa música e está directamente conectada con esta.

A Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela acolle hoxe e mañá a instalación efémera ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’ coa que María SOA e Sara Faro, coa colaboración da equipa creativas As dúas en punto, converte eses conceptos e ideas nunha representación física e sonora. Doce cadeiras diferentes, escollidas ou deseñadas para representar fisicamente cada unha das doce cancións do álbum colócanse facendo un circulo que presenta á comunidade, onde todas están ao mesmo nivel. En cada unha delas, un código QR permite escoitar o tema correspondente e remata o conxunto cuns paneis explicativos sobre as ideas que quere representar cada un dos temas.
A idea de ter que exercer, dun xeito ás veces forzado e nada sinxelo, resistencia ante a vertixe, a urxencia e o individualismo que impregnan os actuais xeitos de vida é o leiv motiv deste acto de expresión para-musical. Esta necesidade enlaza directamente coa declaración de intencións que foi ese EP de pausa chamado 'Hibernarse' (2025), co que xa Fillas de Cassandra reivindicaban nun multiformato como acto político a necesidade duns tempos máis pousados para a reflexión e a comunicación, e polo tanto para a creación. Estas cadeiras, como lugar de encontro e pausa, representan esa necesidade de pararse a escoitar e a ser escoitado. Xa non se trata tanto para elas de ter algo que contar, coma ocorría no seu primeiro disco Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual), senón do acto en si mesmo de contar en comunidade. Por iso esas cadeiras representan tamén actos como o de "sacar un asento á rúa" e falar cos veciños, tan propio entre os nosos maiores en moitos lugares cando chega o bo tempo, e que contribúe a ese falar devagar que crea achegamento e comunidade.




