A música de órgano volverá ecoar en Compostela durante a Semana Santa a través dunha nova edición do ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela, que comezará este venres, 28 de marzo e se desenvolverá ata o 5 de abril en distintos espazos da cidade.
A iniciativa, promovida polo Concello de Santiago, propón un programa que combina concertos, encontros, cinema e percorridos pola cidade para achegar á cidadanía un dos patrimonios musicais máis singulares. O ciclo continúa a súa vocación de poñer en diálogo patrimonio, música e pensamento, creando espazos de encontro entre artistas e público e convidando a escoitar os órganos históricos da cidade desde novas perspectivas. Ao longo da semana, os templos de San Domingos de Bonaval, San Paio de Antealtares, San Miguel dos Agros, a igrexa da Universidade e o convento do Carme converteranse en escenarios dunha programación que percorre diferentes épocas e tradicións musicais. A programación inclúe tamén propostas que expanden o ciclo máis alá dos concertos, como encontros con artistas, actividades arredor do cinema ou itinerarios pola cidade que permiten coñecer mellor a historia organística compostelá e a relación destes instrumentos coa vida cultural e relixiosa da cidade.



