A novena xeira de De lugares e órganos activa o patrimonio sonoro de Compostela

Os órganos de cinco igrexas da capital galega soarán neste programa entre os días 24 e 31 de marzo

Cicno concertos ao vivo compoñen o eixe do programa da novena edición de De lugares e órganos. A iniciativa que pon en valor o patrimonio organístico de Santiago de Compostela desenvólvese entre o 21 e o 31 de marzo a contar cos instrumentos conservados nas igrexas de San Paio de Antealtares, Santa Clara, a capela das Ánimas, a igrexa de San Miguel dos Agros e a igrexa da Universidade.

O Concello Compostelán acollía este 13 de marzo a presentación da iniciativa, que se desenvolve co lema 'Músicas e outras paisaxes de Compostela'. O organista galego Carlos Fernández Bollo abre a programación o domingo 24 de marzo ás 20.30 horas na igrexa de San Paio de Antealtares cun recital de pezas do Século de Ouro e do primeiro barroco ibérico e europeo.

O conxunto Ars Lusitana, dirixido pola cantante e arpista Maria Bayley, interpretará o día 25 un programa centrado na música renacentista procedente de conventos femininos, a reconstruír a antiga arte da interpretación dunha misa a catro voces. Na xornada a seguir, o violinista Adrián Linares e o organista Juan de la Rubia presentarán unha selección de músicas da Escola de Venecia.

O venres 29 a igrexa da Universidade acollerá a que se presenta unha das propostas máis singulares desta edición. A coreógrafa e bailarina especializada en danza histórica, Eva Narejos, e a organista Ana Aguado combinan música e danza arredor das idades de Santa Teresa. Coreografías do Século de Ouro combinadas con creacións de Narejo a empregar a linguaxe da época. Marta López e a austríaca Maria Danneberg fecharán os recitais cun concerto de música inglesa do século XVII no órgano da igrexa da Compañía.

Ás propostas máis estritamente musicais súmase a proxección do filme Organ, o 26 de marzo na NUMAX, un roteiro polos lugares de memoria arredor da figura do organista e compositor frei Bartolomé de Olagüe e mais unha exposición fotográfica arredor dos órganos de Compostela nos escaparates da cidade.