O Sinsal SON Estrella Galicia decorrerá por vez primeira nas súas 15 edicións en dúas fins de semana consecutivas. O icónico evento cultural, famoso polo seu cartel secreto, ampliará a súa actividade e, por vez primeira na súa historia, celebrarase ao longo de dúas fins de semana consecutivas, conectando o corazón da Ría de Vigo con outros territorios e espazos singulares da contorna: do 24 ao 26 de xullo desenvolverase fundamentalmente na Illa de San Simón; mais do 31 de xullo ao 2 de agosto terá lugar en Vigo e outras localidades da contorna inseridas no Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Xa no ano 2020, por mor das restricións da pandemia levouse a cabo unha parte das actividade fóra da illa, denominando Sinsal Litoral a aquela programación.
Neste 2026, Sinsal SON Estrella Galicia expandirá a súa acción pola ría de Vigo e outros territorios ata superar as fronteiras xeográficas. A travesía levará o festival a transitar polo Camiño Portugués, reforzando o vínculo co país veciño que o evento cultiva desde os seus inicios, tanto pola incorporación de bandas como pola notable porcentaxe de público portugués que asiste a cada edición. Deste xeito, Sinsal contará con directos e propostas culturais tanto na cidade viguesa como noutras localidades da contorna. Aínda que algunhas actividades terán lugar na mañá do venres 24, o groso desta programación decorrerá do 31 de xullo ao 2 de agosto. Recoñecido neste mesmo ano como unha das mellores iniciativas culturais a nivel estatal pola Fundación Contemporánea -sendo o único evento galego situado no top 10 dos mellores festivais de música-, o Sinsal volverá ofrecer unha coidada e exquisita programación.
A esencia do Sinsal radica en que, alén de ser unha xanela á creación contemporánea e da memoria sonora, funciona como un espazo de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e natural dunha illa que foi fonte de inspiración de trobadores, lazareto e campo de concentración. Esta é a primeira edición que se leva a cabo do festival tras da declaración estatal da Illa como Lugar de Memoria Democrática, pola súa historia como campo de concentración durante a ditadura franquista.




