O festival Sinsal expándese terra adentro co Sinsal Litoral SON EG

Con base en Redondela o evento ofrecerá cinco días de actividades ao redor da música, a reflexión e o patrimonio natural e industrial

Con base en Redondela o evento ofrecerá cinco días de actividades ao redor da música, a reflexión e o patrimonio natural e industrial
Illa de San Simón Foto: SInsalAudio
Ante a dificultade de levar a cabo os eventos tal e como se viñan facendo, polos condicionamentos relativos aos espazos e capacidades, o festival Sinsal, que se celebraba na pequena illa de San Simón explora novos escenarios en 2020 co festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia. Do mércores 22 ao domingo 26 de xullo o festival levará a cabo encontros de pequeno formato ao redor da música, do patrimonio natural e industrial, coas xentes que os habitan e, en todos eles, preto do mar. Mantendo Redondela como centro das actividades o Sinsal Literal Son desenvolverase en escenarios moi diferentes coma o castelo de Soutomaior, a lonxa de Cesantes, o Centro de Interpretación de Meirande, os Astilleros Cardama e o Mosteiro de Oia. Alén da música haberá de novo espazo para os encontros de reflexións, para o audiovisual e para as andainas arredor do patrimonio. Tamén estará presente o festival de novo na Illa de San Simón, pero nun evento moi limitado que consistirá nunha xornada arredor da economía circular en colaboración coa Fundación Paideia Galiza e dirixida a público profesional.

Outra grande diferencia este ano e que xa se dispón do cartel completo do evento. O concerto de maior capacidade, para un aforo de duascentas persoas, será o que ofreza o asturiano Rodrigo Cuevas en Soutomaior o mércores 22 de xullo. Laura LaMontagne & PicoAmperio actuarán o venres 24 en Meirande. A poeta e cantante e o DJ pecharán unha xornada que comezará de mañá con turismo mariñeiro da man das mariscadoras de Cesantes e que continuará na tardiña con andaina e presentación de cinema no Centro de Interpretación de Rande (Meirande) con Javier Trigales y Alfonso Zarauza. O sábado 25 o evento trasládase a Vigo cunha proposta de andaina pola cidade máis portuaria na mañá que se completa coa actuación de Modulador de Ondas; pola tardiña, con concerto de Los Hermanos Cubero, nos Astilleros Cardama, no barrio vigués de Bouzas. O domingo 26, Sinsal Litoral despedirase a mediodía co grupo vigués Trilitrate en concerto no marabilloso enclave marítimo do Mosteiro de Oia.
Ligazóns