Olga Novo, galardoada co Premio Nacional de Poesía, abre o vindeiro 18 de marzo o IX Alguén que respira! coa lectura do manifesto que elaborou para a ocasión. O "festival de poesía para corpo principal", tal e como se define o evento, achega ata o día 21 unha corentena de voces poéticas á cidade nun programa que inclúe recitais, faladoiros, cinema, música e propostas performáticas.
O Teatro Principal da capital galega será o eixo das actividades, que reúnen nomes coma o irlandés Simon Ó Faoláin que compartirá o recital do primeiro día coas regueifas de Lupe Blanco e Manolo Maseda e os versos de Andrea Nunes Brións, Elsa Moreno e Cristal Méndez Queizán. O día 19 celébrase o encontro entre voces das diferentes linguas da Península Ibérica, coa presenza de Pol Guasch, Miren Agur Meabe, Xabier Cordal, Raquel Patriarca e Ana Rosetti.
As persoas gañadoras dos premios Respira! para estudantes, Mario Elás Blanco Boullosa, Mencía Rodríguez Lorenzo, Lucía Gaute e Carme Fernández del Castillo subirán ao escenario o día 20, nunha sesión á que seguirá o apartado musical desta xeira. Nuno Pico, Faia, Guadi Galego e Wöyza encargaranse desta proposta.
A sección Atravesei a Cerca, que se desenvolve en espazos pouco coñecidos do Teatro Principal, achegará propostas realizadas para a ocasión por Ana Romaní e Chus Silva, David Trashumante, Alexandre Fernández Peón e Antón Reixa. O recital de feche desta edición celebrarase o día 21 coa presenza de Estevo Creus, Nuria Vil, Samuel Merino, Isaac Xubín, Silvia Penas, Lucía Aldao, Isabel Martín, Nieves Neira e María Grandío.
Canda aos recitais, o programa inclúe un faladoiro sobre Alzheimer, memoria e literatura a cargo de Carlos Spuch e Isabel Gey, un encontro co arqueólogo e historiador Xurxo Ayán arredor da poesía e a Guerra Civil, outro arredor de Neurociencia e escrita con Germán Sierra e un último encol Memoria: as imaxes e a poesía con Iván Castiñeiras. Este mesmo autor verá proxectado o seu filme Deuses de pedra, que retrata a vida na Raia galego-portuguesa ao longo de 15 anos.



