A programación foi presentada polos seus directores, o cineasta coruñés Alberto Vázquez e a comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, Matilde Rodríguez; a coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores, e Manuel Mora, director do Banco de alimentos Rías Altas. Fotografía: Andrea Rodríguez
O Festival Internacional de Animación Imaxinaria regresa á Sede Afundación de A Coruña do 11 ao 15 de marzo cun programa coa maior presenza internacional, e tamén a maior presenza galega, das súas catro edicións. O público poderá asistir ás estreas en Galicia de tres obras nomeadas a galardóns nacionais e internacionais: trátase das longametraxes Decorado e Arco e da curta La jeune fille qui pleurait des perles. Decorado, cinta de Alberto Vázquez que é ademais director do festival, acaba de gañar o Goya á mellor película de animación; e Arco, de Ugo Bienvenu, está nomeada ao Oscar á mellor longametraxe de animación. O filme La jeune fille qui pleurait des perles, de Chris Lavis e Maciek Szczerbowski está nomeada ao Oscar á mellor curtametraxe da animación. A Sección oficial a concurso do festival está composta por 38 curtametraxes internacionais de animación contemporánea organizadas en bloques internacionais e infantís. Todas as películas, que proceden de 18 países, foron producidas en 2025. Máis do 64 % das obras son estreas territoriais, ben en Galicia (13), ben en España. (11). Na selección figuran tamén dúas curtametraxes galegas: O corpo de Cristo (Bea Lema) e Lucus (David Fidalgo Omil).
O padriño da cuarta edición de Imaxinaria será o cineasta Sylvain Chomet. Trátase dun dos grandes realizadores das últimas décadas. Co seu estilo distintivo, que combina unha estética retro detallista con narrativas cargadas de nostalxia e humor visual, acumula catro nomeamentos aos premios Oscar, un BAFTA e un Cesar, ou o gran premio do Festival de Annecy. Chomet Impartirá unha charla sobre animación e o festival dedícalle unha retrospectiva á súa obra con dúas proxeccións destacadas. Na xornada de clausura, Sylvain Chomet recibirá o galardón ao padriño do festival.
O Festival Internacional de Animación Afundación Imaxinaria estrutúrase ao longo de cinco xornadas e inclúe sesións de Sección Oficial, actividades interxeracionais con convidados internacionais, e espazos específicos como Na retina, Radar Galicia, Foco singular e o novo Foco indie, que se incorpora este ano como novidade. O festival reforza en 2026 a súa aposta polo relevo xeracional a través do concurso Talento novo, que nesta edición se abre a centros educativos de toda Galicia. O obxectivo é ampliar a participación e darlle visibilidade ao traballo do alumnado que se está formando no ámbito artístico, audiovisual e da animación en diferentes puntos, incorporando novas miradas e acentos ao festival. Como novidade de 2026, o festival incorpora unha proposta de Realidade Aumentada (RA) para ampliar a experiencia do público e reforzar a interacción co universo visual de «Imaxinaria» dentro e fóra da sede, sen necesidade de descargar aplicación ningunha, facilitando tamén a creación e compartido de contidos en redes.



