MJ Pérez presenta Je tiens bon

O novo disco da cantautora arzuá é un canto esperanzado á resistencia

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
MJ Pérez presenta Je tiens bon

Tras cinco anos sen publicar disco, a cantautora arzuá MJ Pérez ven de presentar o seu quinto traballo discográfico 'Je tiens bon', un traballo de trece temas no que conta coas colaboracións das voces de Adhara Caamaño, Nastasia Zürcher, Noelia Perpetuo, Sofía Espiñeira e CRUA. O novo proxecto nace dun proceso fondo de transformación persoal e creativa tras unha etapa que a reconectou co sentido de facer cancións e resistir desde a calma. En 'Je tiens bon' MJ Pérez combina canción de autora, pop, rock, música de raíz, ritmos latinos e brasileiros. A diversidade de estilos non rompe a unidade do álbum porque hai unha esencia que permanece intacta: a voz, o xeito de escribir, os trazos harmónicos e unha identidade recoñecible. 

Este disco constrúese da man de amigas e amigos que acompañaron a MJ Pérez no proceso: as voces de Adhara Caamaño, Nastasia Zürcher, Noelia Perpetuo, Sofía Espiñeira e CRUA baixo a produción de Peter Petrowski; e a insrumentación de Ailén Kendelman, Alberto Romero, Iván Bernárdez, os tres que a acompañan no directo, máis Mauro Gómez, Carolina Costa, Margarida Mariño, Richi Casás, María López e Xiana Naval na gravación. No directo, MJ Pérez presenta Je tiens bon cunha proposta clara: as cancións como protagonistas. Sen artificios, sen decorados nin fogos artificiais, sen apoiar o show en pregravados e ao máis puro estilo de canción de autor. O disco transita polos idiomas con cancións en galego, francés e portugués. 'Je tiens bon' é resistencia pero tamén teimosía e esperanza; é emocional, social, artístico e vital á vez. Hai cancións que dialogan coa idea de aprender a vivir sen quedar inmóbil ante os obstáculos: asumir que a vida se despexa camiñando. E hai cancións que poñen o foco nunha realidade cotiá que atravesa a unha xeración enteira: precariedade, vivenda imposible, esgotamento, necesidade de afecto e de humanidade. A artista xa o presentou en directo na súa localidade natal no marco da Festa do Queixo, a seguinte parada de xira do novo disco será en Mos, o 25 de abril, na Sala Rebullón.

 

 

Que che parece esta nova?
50 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves