O Concello de Pontevedra conmemora co Ano da Música o centenario da primeira gravación musical galega

Cen anos nos sucos

Unha agulla fende nos pequenos sucos de un disco de lousa. No gramófono, entre os estalidos propios do soporte, comezan a soar os acordes dunha peza tradicional galega interpretada polo Coro Aires da Terra, de Pontevedra. Estamos en 1904, ante o primeiro disco gravado en Galicia. Un século despois, o concello que acolleu aquela iniciativa pioneira, quere lembrala celebrando un ano da música que quere ser moito máis do que historia.

No momento en que se puxeron diante do altofalante para gravar o primeiro disco da historia de Galicia, os membros do coro Aires da Terra eran xa uns experimentados intérpretes. A formación pontevedresa, pioneira na interpretación e recollida de música popular galega, nacera xa en 1883 auspiciada polo farmacéutico Perfecto Feijoo. Os seus compoñentes, todos eles membros da burguesía urbana pontevedresa, realizaban as súas actuacións vestidos co traxe tradicional e executaban as súas pezas. A formación variou entre as oito e as doce persoas segundo as épocas, e nas súas actuacións alternábanse as pezas populares interpretadas de xeito coral con acompañamento da gaita, con outras composicións populares que se acompañaban con percusións, frauta ou mesmo zanfona ou chocallos, segundo as pezas.

Pioneiros
O que agora nos parece completamente normal, foi no seu momento unha iniciativa pioneira no país. A finais do século pasado, a puxante burguesía urbana rexeitaba sistematicamente tanto o idioma coma a cultura do país, incluíndo, por suposto a música tradicional. O traballo de Perfecto Feijoo e de Aires da Terra introduciu este tipo de elementos nos escenarios das vilas e nos salóns das casas, reivindicando o valor estético e cultural do noso folclore. A importancia que conseguira o grupo levou ao empresario coruñés Pedro Ferrer a enviar até Pontevedra un grupo móbil de gravación da compañía francesa Gramophone, que inmortalizaría dezaoito das pezas que interpretaba o coro pontevedrés noutros tantos discos de lousa. A intención de Ferrer non era altruísta, xa que o coruñés, editor da revista "Portafolio Galicia", vendería posteriormente copias de varios destes discos en América conseguindo un grande éxito. Anos máis tarde, en 1911, a compañía madrileña Odeón faría unha nova edición dalgunhas destas pezas.

Cen anos despois
O Concello de Pontevedra, onde se executou esta primeira gravación, non quería esquecer este acontecemento e o pasado mes de outubro presentábase oficialmente o Ano da Música, un programa cultural para o 2004 no que se mestura a recuperación histórica destes acontecementos cun percorrido pola música galega do último século e, como non, con abondosos concertos dos máis diversos xéneros. Aínda que o programa para todo o 2004 non está completamente pechado, existen xa varias iniciativas que encherán de música os primeiros meses do ano.

A historia dos sucos
Luís Bará, concelleiro de cultura de Pontevedra, anuncia que neste mesmo mes de xaneiro presentarase a reedición en CD daquelas primeiras dezaoito pezas gravadas hai un século. "Cada composición ocupaba un disco" sinala, "e non se conservou ningunha colección completa coas dezaoito pezas. No museo de Pontevedra ou no Museo do Pobo Galego conservábanse algúns destes discos, e houbo que recorrer tamén a coleccionistas privados para completar o conxunto". Unha vez completado o conxunto, as pezas foron dixitalizadas por un equipo da Radio Galega e finalmente editouse un CD en colaboración coa empresa Ouvirmos. No proceso de recolección dos discos descubríronse novas cuestións sobre a primeira gravación galega e sobre o coro Aires da Terra, o que motivou que o Concello patrocine unha edición aumentada e traducida ao galego do libro "Aires da Terra, la poesía musical de Galicia" de José Luís Calle, publicado orixinalmente en 1993.

Outras historias
Por se fose pouco, está ultimándose a edición dun disco que recupera pezas do violinista pontevedrés Manuel Quiroga, de prestixio internacional a comezos do século XX, e outro que recupere algunhas pezas da Coral Polifónica de Pontevedra, outro dos grandes grupos da música galega da época. Pontevedra quere, co Ano da Música, reivindicar a súa tradición musical e darlla a coñecer a cidadáns e visitantes. Para isto presentarase un roteiro musical pola cidade no que se coñezan diferentes lugares vencellados á música e para o derradeiro trimestre do ano está programada unha exposición que percorrerá os últimos cen anos de historia da nosa música.

Músicas de hoxe
Como non podía ser menos, esta celebración contará con abondosas actuacións en directo. "A filosofía non é tanto presentar grandes nomes nin figuras, senón organizar un maior número de actividades", sinala Luís Bará. Até o vindeiro mes de abril, a programación musical da cidade centrarase na voz, organizando un ciclo no que participarán cinco cantautores ou intérpretes que representarán cada unha das linguas da península. Deste xeito o Catalán Luís Llach será o primeiro que se achegará á Cidade do Lérez o día vintecatro de xaneiro, e a el seguiranlle o vasco Rupert Ordorika, a galega Mercedes Peón, o andaluz Javier Ruibal e portuguesa Mariza. Tamén nestes primeiros meses do ano desenvolveranse dous ciclos de jazz, por unha banda un centrado na voz e outro no que os participantes no Seminario Permanente de Jazz que se desenvolve na cidade colaborarán con artistas da talla de Víctor de Diego ou Reynald Colom entre outros.

Futuro inmediato
A partir dese primeiro trimestre, a programación atópase aínda sen concretar, mais desde o Concello sinalan o seu interese en desenvolver este verán un espectáculo colectivo nos que varios artistas interveñan arredor dun mesmo tema. Concertos en homenaxe a Perfecto Feijoo coa gaita coma protagonista ou actuacións de corais coma Ultreia son outras das propostas que se barallan con máis forza para celebrar estes cen anos de música gravada no país. Onda as actividades do Concello, a TVG xa anunciou a celebración dun programa especial dedicado a este evento e han de saír a bo seguro novas iniciativas polo país para conmemorar aquel primeiro disco de lousa.