Momento da presentación dos XIII Premios Martín Códax da Música Foto: S. Montes
Co número 13 por diante a nova edición dos Premios Martiín Códax da Música dedicará a súa gala coma homenaxe ao patrimonio inmaterial das crenzas e supersticións pagás que forman parte da identidade da nosa terra. Iso será o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, antes diso haberá que pasar por varias fases- a primeira é a de inscrición de proxectos para as quince categorías dos galardóns que se manteñen como na anterior convocatoria. A única diferencia neste ano consiste na redefinición do Premio de Artista Emerxente, que se dirixirá máis ao propio artista en persoa que a algún proxecto concreto. As inscricións estarán abertas desde o 2 ao 22 de marzo a través da web da asociación Músicas ao Vivo (MAV), que convoca e organiza estes premios.
Tras diso un xurado segredo de profesionais designado desde a asociación elixirá os proxectos finalistas que se coñecerán a finais de abril. Nese momento abriranse as votacións por dúas canles que contará ao cincuenta por cento: cara ao público que poderá votar desde a páxina web, e ás persoas asociadas de MAV. Desde a organización aspiran a mellorar as cifras de participación do público neste proceso, que o ano pasado contou con 5.000 votacións, para o cal melloraron o sistema de votos a través do web. Xa en maio terá lugar a reunión de finalistas nas instalacións das Bodegas Martín Códax, principais patrocinadores privados dos galardóns. A Gala do 27 de maio poderá seguirse en directo a través da plataforma AGalega.gal
A cantante e compositora Sheyla Patricia, actual presidenta de MAV, presentou hoxe esta nova edición na Sala Riquela de Santiago acompañada por Xavier Castro da xunta directiva de MAV e por representantes das tres administracións que contribúen aos premios, Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra e Concello de Pontevedra, ademais de polo delegado comercial das Bodegas Martín Códax, principais patrocinadores. Neste marco, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais quixo remarcar que a continuidade destes galardóns tivo moito que ver co actual gran seguimento que está a gozar a música galega. A presidenta, Sheyla Patricia, quixo lembrar a vixencia das reivindicacións que teñen desde o colectivo e sinalou , entres outras, a ausencia de proxectos musicais galegos nos carteis de grandes festivais como unha mostra de baixa valoración da escena propia a favor da contratación de grandes nomes foráneos por enormes cifras de diñeiro.



