O dúo Acordeireta cose cancións e vida no seu novo disco

'Baixo os remendos, nós' é o título do seu segundo traballo discográfico

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
O dúo Acordeireta cose cancións e vida no seu novo disco

Cinco anos despois de 'Loitar cantando' (2020), primeiro disco do dúo Acordeireta (Saiáns, Vigo), formado pola pandeireteira Patricia González e o acordeonista Alejandro Balbuena, chega 'Baixo os remendos, nós', un novo traballo para sunha nova vida. O dúo parte do concepto do remendo co obxectivo de concibir un álbum distinto e innovador, onde se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música. Cos seus fíos preséntannos este novo traballo composto ao longo de varios anos, sen présa, ao son do corpo.

Como xa acontecera no primeiro disco, a poesía e a música encóntranse para confluír nas voces e mans de Patricia e Alejandro. Na dúcia de cancións deste álbum conviven o social e a música tradicional, mesturada con temas de creación propia xunguida ás raíces e textos de poetas, moitas delas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, como son Rosalía de Castro, Manuel María, Florencio Delgado Gurriarán ou Xela Arias. Ademais, neste traballo Acordeireta rende homenaxe aos poetas labregos Paco Ledo e Alberto Calvín, aos gaiteiros Desiderio e Modesto de Murias, ao acordeonista Pazos de Merexo, á escritora Raquel Castro e a Luz Fandiño, autora que xa estivera presente no seu primeiro álbum.

Que che parece esta nova?
333 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Acordeireta, Vigo, Florencio Delgado Gurriarán, Manuel María...