Foo: deputación provincial da Coruña
O compositor e director de orquestra Aitor Vázquez Torres (Jerez de la Frontera, 1993) foi proclamado gañador do XVI Premio Internacional 'Andrés Gaos' de Composición Musical na modalidade de orquestra coa obra 'Fenda', segundo o acordo adoptado por unanimidade polo xurado do certame, convocado pola Deputación da Coruña. A resolución produciuse tras as xornadas de traballo celebradas no Pazo da Ópera da Coruña coa Orquestra Sinfónica de Galicia, nas que se interpretaron as tres obras finalistas. 'Shunya', de Manuel Contreras, 'Ideograma', de Juan Cruz Guevara, e a mencionada 'Fenda.' Despois da audición e da posterior deliberación, o xurado decidiu conceder o premio á obra de Aitor Vázquez, da cal destacou "a súa coherencia formal, a claridade nos xestos e o coñecemento técnico dos recursos da escritura orquestral".
Con este fallo, o compositor convértese no gañador das dúas modalidades da actual edición do Premio 'Andrés Gaos', despois de que o pasado mes de novembro fose recoñecido tamén na categoría ensemble con 'Sonora – Unha fisura da poesía de Chus Pato'. Cada unha das vertentes do certame está dotada con 6.500 euros. Aitor Vázquez estudou Composición en Madrid, desenvolveu parte da súa traxectoria, tanto como compositor coma director en Galicia. Desde 2021 participa como director principal convidado do Arxis Ensemble e a súa presenza é habitual en citas relevantes da creación musical contemporánea no país, como o Festival RESIS da Coruña, os ciclos Matinais Musicais da Casa da Cultura de Santiago de Compostela ou o propio Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical. O xurado do XVI Premio Internacional 'Andrés Gaos' de Composición Musical estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e integrado por César Aires Oliveira Melo Nunes Viana, José Manuel López López, María Domínguez Pérez, Haruna Takebe e Juan Antonio Cuéllar Sáenz, actuando como secretaria Manuela Muñiz Souto.

