A ampliación do Museo de Pontevedra incorporará a muralla medieval da cidade

Un novo vello museo

A segunda e maior ampliación do Museo de Pontevedra xa ten un aspecto concreto. Onte presentouse o proxecto gañador do concurso de ideas que convocou a Deputación de Pontevedra para definir o futuro edificio. Dúas novas rúas e unha praza abertas ó público, un aparcadoiro, un auditorio, unha cafetería e un restaurante, almacéns e, por suposto, novas salas de exposición, intégranse nunha proposta que incorpora a muralla medieval da cidade no seu deseño.


Novas instalacións



O proxecto presentado polo estudio madrileño Pesquera Ulargi Arquitectos S.L. contempla a construcción de dous novos edificios no solar que actualmente ocupa o antigo Fogar Provincial, situado detrás do Edificio Sarmiento, no límite do casco histórico pontevedrés e próximos ó río Lérez.
Cumprindo as condicións que sinalaba o concurso convocado pola Deputación Provincial, esta ampliación, que suporá a segunda do museo e a maior da súa historia, terá oito mil metros cadrados útiles.
Segundo o proxecto gañador do concurso, este espacio estará distribuído en dúas construccións. Un edificio revestido de cristal acollerá unha cafetería e un restaurante nas súas plantas superiores, e conectarase co edificio Sarmiento e coa outra nova construcción mediante pasarelas elevadas, o que permitirá que entre as tres instalacións queden abertas dúas novas rúas.
O outro edificio contemplado no proxecto estará revestido de pedra e disporá de catro mil metros para exposicións permanentes divididos en tres andares e oitocentos máis dedicados a mostras temporais no baixo. Onda esta sala haberá un salón de actos con capacidade para dúascentas cincuenta persoas, e baixo el, un aparcamento para cincuenta vehículos, Os sotos tamén albergarán instalacións para oficinas e almacéns. A fachada norte do novo edificio estará orientada cara o río Lérez e incorporará a muralla medieval da cidade, recentemente descuberta, seguindo o trazado de V orixinal. A muralla poderá verse tanto desde o interior coma desde o exterior do edificio.s
O proxecto contempla ademais a construcción dunha praza pública no final das novas rúas.












Máis proxectos




Dos noventa e tres proxectos presentados a concurso, a Deputación contemplou tamén a posibilidade de desenvolver a proposta de derrubar a mazá de vivendas sociais construídas durante o franquismo para que o museo quede aberto ó mar. Segundo sinalou o presidente da Deputación, Manuel Abeledo, a súa institución está disposta a negociar cos veciños o seu realoxamento a cargo dos orzamentos da ampliación do museo.
O custo desta nova edificación alcanzará, segundo a empresa de arquitectos, os mil cincocentos millós de pesetas, a metade dos tres mil que contemplaba o concurso como custe máximo. Outra modificación que podería facer no proxecto sería a construcción dun aparcadoiro subterráneo debaixo da nova praza que se prevé construir.
A empresa Ulargi arquitectos ten agora dous meses para presentar un anteproxecto e outros dous para desenvolver o proxecto final. Desde a Deputación agárdase que para finais do ano 2002 comezen as obras.




Unha ampliación longamente buscada



O museo de Pontevedra, fundado en 1927, comezou a súa actividade na casa señorial de Castro de Monteagudo, ocupando co correr do tempo diferentes edifcios contiguos coma a casa García Flórez, a Fernández López e o Edificio Sarmiento. Recentemente vén de rematarse a obra dunha primeira ampliación situada entre a casa Fernández López e a praza da Ferrería que albergará libros e documentos do museo e servirá como sala para os investigadores. Con esta segunda ampliación preténdese completar o proxecto de crear un complexo cultural museístico na zona vella pontevedresa.
Actualmente, o museo ten sen expor moitos dos seus fondos por falta de espacio. Entre este atópase o legado pictórico de Castelao e numerosas pezas arqueolóxicas e artísticas de grande importancia.