Catro congresos reúnen a máis dun milleiro de persoas a partir de hoxe

Encontros no outono

Os congresos do outono movilizan a milleiros de persoas interesados nos máis diversos ámbitos. Como mostra, hoxe mesmo comezan tres encontros que reúnen a máis de mil interesados no ensino da ciencia, na lingua e na historia de Galicia. Ademais, en Silleda inaugúrase "Arcoatlántica", congreso sobre o medio ambiente no Arco Atlántico.

Docentes de ciencias

O instituto Lama das Quendas de Chantada recibirá hoxe os trescentos cincuenta profesores de ciencias de ensino secundario que participarán no contgreso de Enciga (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia).
Neste encontro, e mediante conferencias, obradoiros e activides complementarias, tentaranse coñecer as últimas novidades en pedagoxía para o ensino desta área.
Así, analizaranse as posiblidades de emprego dos xornais na aula, as posibilidades de Internet ou a explicación de partes das materias a partir de temas de actualidade coma as vacas tolas.
Os obradoiros e conferencias previstos xorden na súa maioría das propostas realizadas polos propios participantes, que expoñen a súa experiencia nas aulas. Todos os traballos reunidos no congreso publicaranse posteriormente nun libro.
Ademais, os participantes poderán ver tres exposicións dedicadas á fotografía matemática, a etnografías e a calculadoras de diferentes épocas.
O prazo de inscripción permanece aberto ata hoxe mesmo.











A lingua e a historia


A pedagoxía en sociedades con dúas linguas será o eixe da VIII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias que comeza hoxe en Compostela organizado pola Dirección Xeral de Política Lingüística. Este congreso, que se desenvolve no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, reúne a máis de seiscentos especialistas en todo o mundo.
Por outra banda, douscentos estudiosos da prehistoria, a arqueoloxía e a literatura debaten desde hoxe en sobre as orixes de Galicia no VII Seminario de Historia de Culleredo que se celebra no local do Burgo. O título desta edición do encontro é "Das cavernas ós celtas", e nel discutiranse as teorías existentes sobre prehistoria galega e os mitos identitarios existentes sobre aquela época. Durante a inaguración do encontro, o seu director, Carlos Pereira, sinalou a importancia de que concellos coma o de Culleredo, "absorvidos" por grandes cidades, investiguen o seu pasado.












Arcoatlántica


O medioambiente na costa atlántica europea será o tema de análise no congreo Arcoatlántica 2001 que comeza hoxe no Recinto Ferial de Galicia en Silleda.
Neste encontro máis de trescentos asistentes debatirán cuestións coma a calidade do medio hídrico en Galicia, o Plano de Saneamento do país ou a problemática dos lodos de depuradoras entre outros temas.
Na segunda e última xornada do congreso, mañá, analizaranse as posibilidades de detección de contaminantes en augas residuais ou técnicas de minimización de efluentes.