A Filmoteca de Galicia recupera 400 horas de vídeo dos anos 80

O fondo foi doado polo produtor coruñés Xosé Xoán Cabanas Cao

O fondo foi doado polo produtor coruñés Xosé Xoán Cabanas Cao
Fotograma das imaxes da manifestación a favor da capitalidade da Coruña en 1981. Fondo Cabanas Cao / Filmoteca de Galicia
Na súa dilatada carreira profesional, o produtor coruñés Xosé Xoán Cabanas Cao foi atesourando un gran fondo audiovisual desde varios proxectos, que se plasma nunhas catrocentas horas de material audiovisual fundamentalmente dos anos 80. Ese fondo procede de 180 horas de vídeo de 300 traballos finalizados e máis de 200 horas de material bruto vinculado a esas producións. Cabanas Cao depositou ese material na Filmoteca de Galicia, que comezou a dixitalizalo a principios de 2024. Moito do material procede da produtora Espello Vídeo Cine, creada en 1981. Espello vídeo filmou actos políticos e culturais desa Galicia de principios dos 80. "Son moi escasos os rexistros videográficos da época, que esta empresa cubriu de maneira case exclusiva. As imaxes captadas polas súas cámaras son un patrimonio fundamental para comprender a historia recente de Galicia", sinalou a Xunta de Galicia nunha nota de prensa. Para celebrar a primeira dixitalización, a Filmoteca comezará a amosar este legado en catro sesións públicas que arrincan este xoves día 9 ás 20,30 h., coa crónica política da Galicia de entre os anos 1981 e 1983. Nos vídeos que se amosarán este xoves poderase ver os vídeos de campaña do partido CDS, a visita a Galicia de Adolfo Suárez e a multitudinaria manifestación a favor da capitalidade da Coruña do ano 1982. No caso da segunda das sesións, que terá lugar o sábado 11 ás 18 horas, sleeccionaranse tres vídeos centrados no "efervescente panorama cultural da Coruña en 1982", e que inclúen a festa da poesía de abril, o priemiro concurso de rock e o festival de cine de comedia.