A ourensá Miriam Reyes gaña o Premio Nacional de Poesía

A autora obtén o galardón do Ministerio de Cultura pola obra publicada 'Con'

O libro 'Con' (La Bella Varsovia, 2024) valeulle a Miriam Reyes (Ourense, 1974) para merecer o Premio Nacional de Poesía do ano 2025, que outorga o Ministerio de Cultura segundo a decisión do xurado. Reyes é unha poeta, editora e tradutora nacida en Ourense que con oito anos emigrou a Caracas, onde estudiou Letras na Universidad Central de Venezuela. Posteriormente licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universitat de Barcelona. Ten obra publicada maioritariamente en castelán pero tamén conta con algún traballo en galego: ‘Sardiña’ (Chan da pólvora, 2018). O Premio Nacional está dotado con 30.000 euros.

O xurado, no que estaba a anterior autora premiada e tamén galega, Chus Pato, xustificou a súa elección pola obra 'Con' por "ser un poemario que participa da conversa pública no que respecta ás posibilidades dos vínculos. A voz da autora traza con forza e orixinalidade o territorio do mutuo, ata darlle un excepcional sentido cósmico. O compás da obra céntrase nas dimensións da relación co outro. E faino desde unha intelixencia lingüística que pensa e conmove, mentres escribe, desde a nudez da conciencia e do corpo", estima o xurado. Ademais sinalou que a autora, con este traballo "conseguiu unha estrutura arquitectónica moi suxerinte, onde a sonoridade e o ritmo fan de 'Con' un excelente poemario que, sendo agudo conceptual, interpela e ispe todas e cada unha das nosas emocións".

O xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura; e como vicepresidente Jesús González González, subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas. Como vocais Aurora Gloria Egido Martínez, pola Real Academia Española; María Helena González Fernández, pola Real Academia Galega; Francisco Javier Zubizarreta Dorronsoro, pola Euskaltzaindia; Sebastià Alzamora Martín, polo Institut d'Estudis Catalans; Josep Manuel Palomero Almela, pola Acadèmia Valenciana; Carmen María Pujante Segura, por la Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); María Ángeles Pérez López, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Luis Fermín Moreno Álvarez, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Esther Sánchez-Pardo González, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; a xornalista galega Carolina Alba Castro Estévez (RNE), polo Ministerio de Cultura, e Chus Pato, autora galardoada na convocatoria anterior.