O Vilablues cambia de vila pero non de esencia

O festival celebrarase esta fin de semana en Vilanova de Arousa

Dez edicións despois o Vilablues achou un novo sitio onde celebrarse este ano. O festival máis itinerante da oferta galega, que naceu en Vilagarcía, onde celebrou varias edicións, fixo este mesmo ano no mes de maio unha versión curta en Santiago de Compostela, pero antes diso pasou en anteriores épocas por Noia ou Ferrol. Agora, presentado como 'Vilablues Mar de Santiago' volve á beira do mar e leva os sons do soul blues e rythm'blues a Vilanova de Arousa esta fin de semana, e ademais ofréceos de balde co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.

O festival, que comeza este venres, conta con diversas localizacións espalladas por toda a vila: os Xardíns de Umbrío, o Parque do Cabo, a Igrexa da Pastoriza, a Praza do Parque, o Auditorio do Terrón e a área biosaudable do Terrón. Neles desenvolverase un programa multidisciplinar aberto a públicos de todas as idades, con atardeceres musicais, masterclasses, conferencias, concertos, exposicións, proxeccións, mercado, entre outras. O cartel artístico está confirmado por destacadas figuras do blues como Shirley Davis & The Silverbacks, The Blues Moonshiners (GL), Los Deltonos, The Pontiaks (GL), Adrian Costa (GL), Mad Martin Trío (GL), Malabesta (GL), Nico Wayne Toussaint, Víctor Fábregas (GL), TT Syndicate (PT), Joe Do & The Blues Preachers (GL) e Gisele Jackson. En caso de choiva a organización xa está a traballar en posibles alternativas para a celebracións das actividades.
Ligazóns