Roberto Vidal Bolaño entra no Álbum de Galicia

O perfil biográfico do dramaturgo e actor amosa as súas moitas vidas e o fondo da súa pegada

O perfil biográfico do dramaturgo e actor amosa as súas moitas vidas e o fondo da súa pegada
Roberto Vidal Bolaño. Retrato por Henrique Alvarellos ©
Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela 1950-2002) só chegou a cumprir 52 anos, pero como di Xosé Manuel Fernández Castro no texto que asina para o Álbum de Galicia, tivo moitas vidas. As súas circunstancias vitais e o seu percorrido humano e profesional, así como documentación sobre el en varios formatos incluídos os audiovisuais, veñen de incorporarse ao Álbum de Galicia, a colección en liña de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). A súa pegada no contexto cultural galego foi tan profunda e definitiva que aínda se deixa notar.

Vidal Bolaño foi dramaturgo, director de escena e actor de teatro e televisión. A mediados dos anos 80, participou no nacemento do Centro Dramático Galego (CDG) coa estrea de 'Agasallo de sombras', que desenvolvería de xeito precario. O autor da entrada salienta as dificultades persoais e laborais que sufriu o dramaturgo nesa época, xa que nacía o seu primeiro fillo e enfrontaríase coa Consellería de Cultura, reticente a financiar os proxectos do CDG. Neses anos, coa creación da Televisión de Galicia, comezaría a compaxinar o teatro co audiovisual, con traballos na dobraxe, montaxes, dirección e todo tipo de empregos relacionados, ademais de poñer en marcha un novo proxecto teatral coa súa parella chamado Teatro do Aquí.

Na compañía estrearía ambiciosas producións propias como Saxo Tenor, Doentes ou Días sen gloria, ademais de obras de Otero Pedrayo. Con todo, o proxecto iría desenvolvéndose con problemas económicos, o que o levaría a optar por postas en escena máis humildes ou novos intérpretes. A finais dos anos 90, o CDG con Manuel Guede, volvería contar co autor en proxectos como A burla do galo ou Mar revolto, Xelmírez ou a gloria de Compostela e Rosalía. Neses anos, comezaría a sufrir de cancro de pulmón. A enfermidade non lle impediu seguir desenvolvendo proxectos na súa compañía, pero que rematou coa súa vida en 2002.

Trala súa morte o autor era velado no escenario do Salón Teatro de Santiago. Alí o seu círculo de amigos e profesionais do sector se reuniron ao redor dos seus icónicos chapeu e nariz de pallaso. O legado de Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo, director, actor e escenógrafo pervive no teatro galego afeccionado e profesional. Foi voceiro fronte os excesos dos poderosos, puxo en escena a obra de escritores galegos como Pedrayo e adicou a súa vida á consolidación do teatro galego independente.