A Xunta presenta a cuarta edición da campaña "Entre nós, en galego" para fomentar o noso idioma nos centros de ensino

Nós en galego

Fomentar o emprego do galego nas relacións cotiás dos escolares. Este é o obxectivo fundamental da campaña "Entre nós, en galego", que desde o 2001 organiza anualmente a Dirección Xeral de Política Lingüística. Só durante o último curso esta iniciativa chegou a máis de 85.000 escolares de todo o país e do Bierzo. Un novo ano, a campaña ponse en marcha cun importe de máis de 160.000 euros en premios.



"Entre nós, en galego" naceu cun triplo obxectivo. En primeiro lugar facer que a sociedade valore o ter un idioma propio que debe conservar. Pola outra, prestixiar o galego, tanto coma factor de identidade coma polo seu valor para se comunicar no mundo. Finalmente, e como consecuencia da valorización do idioma, a campaña pretende, evidentemente, que os participantes o empreguen. Aínda que "Entre nós, en galego" centra a súa acción no ámbito escolar, isto non supón que se dirixa exclusivamente a alumnos, xa que as actividades de comprende queren implicar tamén ao profesorado e ás familias, e facer que a lingua se implante tamén fóra do ámbito escolar.

Contidos
O cinco de decembro a Consellaría presentaba a cuarta edición desta campaña, na que se potencian os certames escolares que constituíron o groso das anteriores edicións e diminúe a presenza doutras actividades de apoio coma as proxeccións de filmes ou a publicidade televisiva. Deste xeito, e ao igual que no pasado ano, convócanse concursos de revistas escolares integramente editadas en galego, un certame de temas musicais, outro de contacontos, de teatro, de recitado de poemas, de relato curto, e outro para facer un cartel e un lema para a campaña. Na súa maioría, estes certames están dirixidos a alumnos dos máis diversos niveis, desde ensino infantil a secundario. En todos os certames os participantes deberán superar unha selección no propio centro, outra a nivel provincial e unha última autonómica. Os premios destes certames consisten en dotacións económicas para os centros gañadores nas diferentes fases e en agasallos para os alumnos gañadores.

Novidades
A edición da campaña para este curso inclúe pola primeira vez unha proposta multimedia. Trátase de "O preguntoiro", un xogo interactivo en CD-ROM, tamén dispoñíbel a través de Internet, no que os alumnos de secundaria de todo o país poderán xogar respondendo preguntas sobre campos coma xeografía, arte, lingua, xeografía, bioloxía ou refráns tanto desde as súas casas coma desde as aulas de informática dos institutos. Coma no resto das propostas deste programa, os participantes neste xogo poderán competir entre si para conseguir ser o mellor de toda Galicia neste campo. A edición deste ano da campaña conta cun incremento orzamentario de 3.000 euros, o que deixa en 160.000 os destinados a premiar os traballos dos alumnos participantes.



Críticas
A campaña "Entre nós, en galego" ten sido criticada desde organizacións coma a Mesa pola Normalización Lingüística por considerar que o seu lema contén "unha mensaxe pseudodiglósica", xa que pode intepretarse no sentido de que o galego só é para falar na casa e que non é válido para a comunicación exterior. Alén diso, o presidente desta organización, Carlos Callón, sinala que a campaña "é unha suma de iniciativas diversas, non todas elas con moitas conexión entre si, nin sempre conectadas realmente coa promoción do galego" e considera a campaña "ineficaz para a promoción do idioma". No mesmo sentido se manifesta Luís Fontenla, portavoz do Movimento Defesa da Lingua, que considera "unha vergoña" esta campaña. "gastan milleiros de euros en facer premios para que uns nenos escriban un anaco en galego". Tamén é crítico co lema escolleito para a campaña "o galego debe falarse entre nós e con todo o mundo, entre nós xa se leva falando cincocentos anos e vense os resultados, que existe unha situación de diglosia".

Historia de campaña
En anteriores edicións "Entre nós,en galego" incluía tamén a distribución de filmes na nosa lingua para velos nos diferentes centros, alén da distribución de abondosos elementos publicitarios para a dar a coñecer. Entre estes destacan a edición de dez carteis que compuñan "A imaxe das palabras" na edición 2002-2003, e que mesturaban ilustración atractivas para os rapaces con textos de autores coma Cabanilla, Lamas Carvajal, Pondal, Cuevillas ou Castelao sinalando a importancia de empregar o noso idioma. Tamén nesa edición un autobús da campaña visitou diferentes poboacións achegando diferentes exposicións e contidos articulados arredor da lingua. Deste xeito, no bus podíase ver unha mostra que explicaba o contexto legal con que contan as linguas en todo o estado e na Unión Europea, e consultar os textos referentes esta cuestión a través dun ordenador instalado no vehículo. Outra exposición recollía diferentes campañas de normalización lingüística postas en marcha pola Consellaría ao longo da historia coma "Fálalle en galego" ou "Mellor en galego". Información legal sobre a toponimia e dípticos sobre os nomes, onda un resumo da oferta educativa referente á lingua e unha serie de publicacións dedicadas a este tema completaban a oferta existente no interior do vehículo.

Extensión
Unha das peculiaridades que caracteriza esta campaña é o feito de que, desde o curso 2002-2003 chega aos centros escolares da Comarca do Bierzo nos que se imparte galego. Deste xeito, os alumnos de doce colexios desta comarca leonesa puideron participar nos certames onda os de toda Galicia. Coa participación destes alumnos completouse a cifra de 85.000 estudantes que, segundo a Consellaría participaron nas actividades propostas no marco da campaña.