Unha xornada reivindica o saber ancestral da rega comunitaria

Enmárcase dentro da proposta para ampliar a candidatura ao patrimonio inmaterial

Enmárcase dentro da proposta para ampliar a candidatura ao patrimonio inmaterial
“As comunidades labregas desenvolveron en Galicia sistemas complexos de xestión da auga creando sistemas hidráulicos adaptados a cada lugar e xestionados, de maneira formal ou informal, polos veciños de cada aldea”, afirman os coordinadores da xornada, Ana Estévez, Teresa Nieto e Ángeles Santos, “malia que permaneceron vivos ou fosilizados nas nosas paisaxes e manteñen un gran valor ambiental, esta relevancia apenas se acompañou cun traballo de investigación e salvagarda”. Para coñecer e debater sobre este legado e o seu futuro organízase a xornada “Comunidades e patrimonio cultural inmaterial. A rega tradicional” que se celebra esta tarde do mércores 9 de xullo no Consello da Cultura Galega. O evento será transmitido desde o web do CCG.

Para contribuír a concienciar ao redor da relevancia destes sistemas, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG organizou esta xornada. As técnicas de rega tradicional de Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Luxemburgo, Países Baixos e Suíza están recoñecidas na lista de patrimonio inmaterial da UNESCO e nestes momentos España, Francia e Portugal están negociando unha candidatura conxunta para ampliar esa inscrición. A xornada organízase neste marco de oportunidade.

O programa, que comeza ás 16.30 horas, incluirá relatorios de expertos e debates coas comunidades de rega asistentes. O arqueólogo José María Martín Civantos, do MEMOLab (Laboratorio de Arqueoloxía Biocultural) da Universidade de Granada falará da candidatura conxunta a Patrimonio Inmaterial da Humanidade e de seguido, ás 17.30 horas haberá un encontro con comunidades de rega moderado por Ángeles Santos Vázquez, arquitecta, colaboradora da candidatura, Sergio Pereira Ibáñez, NOSO Cooperativa e Alberte Román Losada de Trespés.
Ligazóns