A Residencia Literaria do Gaiás apoia dez escritores enmerxentes

Ata o 12 de xullo compartirán experiencias e recibirán asesoramento doutros creadores e especialistas

Ata o 12 de xullo compartirán experiencias e recibirán asesoramento doutros creadores e especialistas
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deulle hoxe a benvida ás persoas participantes na V Residencia literaria da Cidade da Cultura Foto: Xunta de Galicia
Dez escritoras e escritores emerxentes en lingua galega comparten xa e ata o 12 de xullo un espazo de traballo no Gaiás no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos de poesía, teatro, novela e contos. A Vª Residencia literaria da Cidade da Cultura deu comezo este luns dirixida pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto e contando co acompañamento de escritoras e escritores como a dramaturga, escritora e narradora oral, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, Paula Carballeira; a xornalista e escritora galardoada co Premio Nadal de novela en 2022, Inés Martín Rodrigo, e o poeta gañador do Premio de Poesía Joven Miguel Hernández nese mesmo ano, Ismael Ramos.

Nesta quinta edición, Eva Mejuto deseñou un calendario de actividades para facilitar ás persoas participantes un coñecemento total do mundo do libro que complementa a análise e o diálogo ao redor dos proxectos literarios. Cuestións como os dereitos de autoría, os novos formatos e a intelixencia artificial, a edición, a distribución ou a promoción serán abordadas de maneira específica con profesionais do sector. A axente Hilde Gersen, co-directora da axencia literaria Antonia Kerrigan que representa a máis de 150 autoras e autores en lingua española, catalá e galega, e Víctor Mascato, responsable de Triqueta, destacada editorial infantil galega e editor en Cumio editorial, participarán nestas actividades. Haberá tamén encontros con libreiros e libreiras e con participantes noutros anos na Residencia literaria que teñen xa obra publicada, como Cynthia Menéndez, que vén de sacar a novela 'Son coma glaciares os barcos de aceiro', sobre a que traballou no Gaiás. Como novidade, inclúense roteiros literarios por Santiago e maridaxes lectoras nas que se combinarán a cata de viños e de libros.