Nace o proceso Lingua Vital para conseguir avances na normalización da lingua

A plataforma Queremos Galego promove esta iniciativa que conta co apoio de 60 entidades

Cos obxectivos de "conseguir avances na normalización da lingua galega" e "garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos", presentábase este 30 de xuño en Compostela o proceso social Lingua Vital. A plataforma Queremos Galego promove esta iniciativa na que participan 60 entidades do país e que está aberta a novas incorporacións.

Segundo adianta a plataforma, as 60 entidades galegas de todos os ámbitos integradas no proceso Lingua Vital comprometéronse, de cara ao último trimestre deste ano "a organizarse en grupos de traballo nos que avaliar de xeito sectorial o grao de cumprimento e efectividade" das medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización da Lingua.

Ao tempo, son obxectivos desta iniciativa "identificar os principais obstáculos para a efectivización das medidas incumpridas, detallando que cómpre remover, modificar ou aplicar para a súa execución; propor un calendario de accións normativas e executivas concretas para o cumprimento e efectivización das medidas" propostas tanto neste plano como na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias ou na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

Ao longo do proceso preténdese tamén "fixar os mínimos que cada entidade social está en condicións de asumir na súa acción diaria na medida en que poden producir un efecto normalizador no seu ámbito; e, finalmente, a acadar un compromiso de aplicación polas institucións públicas". A participación nesta iniciativa está aberta no correo de Queremos Galego.