A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia xa é Ben de Interese Cultural

A edición da cerimonia que se celebra este 29 de xuño será a primeira que conte con esta distinción

A edición da cerimonia que se celebra este 29 de xuño será a primeira que conte con esta distinción
Momento da Ofrenda do Antigo Reino en 2023. Fonte: Bispado de Lugo
O Diario Oficial de Galicia deste 27 de xuño recolle a declaración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento como ben de interese cultural de carácter inmaterial na categoría de "usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos". Esta festividade, que ten a súa vindeira edición o día 29, celébrase cada ano na Catedral de Lugo no primeiro domingo despois do Corpus Christi desde 1672.

A celebración, que reúne representantes das capitais das sete antigas provincias galegas, "representa un caso singular dentro da cultura e do patrimonio inmaterial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao expoñer de forma única a tradición secular dos galegos e das galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo a través dos séculos". Segundo apunta a declaración, este evento "constitúe a principal mostra de unión destas antigas sete cidades capitais na actualidade".

A declaración sinala que a celebración "ten un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tratarse dunha cerimonia que se mantén durante máis de tres séculos e medio e que reflicte a unión do pobo de Galicia, o que supón un feito único dentro do conxunto de cerimonias deste tipo que se conservaron no noso país". Ademais, "representa unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan a entidade política histórica de Galicia".

Como medidas de protección para este ben, a declaración recolle a necesidade de avanzar no rexistro e a sistematización dos documentos relacionados co mesmo, desenvolver novas investigacións sobre o mesmo e promover "medidas de promoción e valorización da Ofrenda, co fin de mostrala como unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan ao Antigo Reino de Galicia".

O texto advirte da complexidade de manter esta tradición, que conta con representantes institucionais dos gobernos locais de Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui, nun Estado aconfesional. A este respecto sinala que "haberá que afondar nos modos de garantir o obxecto de protección desta manifestación inmaterial, é dicir, a súa expresión relixiosa, sen vulnerar a aconfesionalidade das institucións e cumprindo e respectando a Administración o seu inescusable deber de neutralidade e imparcialidade, sen menoscabo do valor de culto xunto ao valor cultural que é o que aquela debe garantir".