Tres vidas para Castelao

O CCG publica o podcast 'Castelao a carón de nós'

O CCG publica o podcast 'Castelao a carón de nós'
A nova plataforma de podcasts do CCG estrea un documental sonoro para coñecer en profundidade a vida e obra de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao. "Castelao a carón de nós" consta de tres capítulos de trinta minutos cada un no que diferentes voces actuais achegan unha nova lectura sobre a vida e obra de Castelao. O director do documental, o xornalista Aser Álvarez, agarda que o podcast sirva como un xeito amable de facer chegar o legado do autor a novos públicos. "Queremos enfocar a divulgación da súa obra dende un punto de vista contemporáneo, baixar ao escritor do pedestal de figura mítica intocable e achegarnos á xente nova e oíntes que non son lectores habituais".


O podcast percorre as etapas da vida de Castelao dende a súa infancia e adolescencia, ata o seu anos de exilio na Arxentina, pasando pola súa faceta de compromiso político. Está dividido en episodios de ao redor de 30 minutos. O formato conta coa música de Moisés Quintas e un deseño sonoro inmersivo, que evoca os territorios e espazos que habitou o rianxeiro. Conta ademais con fragmentos da súa obra e voces plurais que achegan diferentes pinceladas sobre a súa persoa, relacións e obra artística. Participan no documental Paula Carballeira, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Seixas, Henrique Monteagudo, Núñez Seixas, Siro López, Ángeles Tilve e Noni Araújo.