Os mecanismos da memoria son curiosos. O 28 de outubro do ano 2000 unha escavadora puña en marcha un movemento de recuperación da memoria colectiva sen precedentes na Historia de todo o Estado. Era en Priaranza do Bierzo, e a pala abría unha foxa na que descansaban os restos de trece republicanos represaliados durante a Guerra Civil. Os ecos daquel feito estendéronse por todo o Estado, e multiplicáronse as iniciativas para recuperar a memoria das víctimas da represión. Un lugar no que a represión foi tan forte coma Galicia non podía quedar fóra deste movemento, e cada vez son máis as persoas que se mobilizan arredor desta cuestión.
Todo comezou case por casualidade. Facendo unha reportaxe en Priaranza, no seu Bierzo natal, un xornalista descobre o lugar no que teoricamente está enterrado o seu avó. Unha foxa común na que se amoreaban os restos de trece republicanos fusilados dezasete de outubro de 1936. Este foi a pinga que movería as consciencias de boa parte da sociedade do Estado. Pouco tempo despois desta descuberta nacía, a finais do ano 2000 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), promovida por este xornalista, Emilio Silva, en colaboración con Santiago Macías, un mozo que levaba anos recollendo as historias dos vellos da zona en relación coa Guerra Civil. Un longo proceso de identificación, no que se empregaron pola primeira vez análises de ADN en cadáveres procedentes desta época permitiu estabelecer a identidade de todos os restos encontrados. A historia da aparición e recoñecemento dos "Trece de Priaranza" axiña correu ás portadas dos xornais. A esa foxa seguiron outras do Bierzo, e axiña os máis vellos comezaron a facer memoria sobre onde quedaban restos dos que sufriran a represión durante a guerra. Á ARMH axiña lle comezaron a aparecer seccións. En Andalucía, Asturias, Cataluña, Madrid... e, finalmente, en, setembro de 2003, en Galicia.
Memoria Histórica de Ferrol
Os arredor de tres mil mortos e desaparecidos que provocou a represión franquista en Galicia nos anos que seguiron ao alzamento convertían o noso país nun campo aboado para os movementos de recuperación da memoria histórica. Xa no período transcorrido entre a apertura desa primeira foxa e a constitución da sección galega da ARMH, a sociedade non estaba queda. Diferentes grupos de interesados na cuestión puñan a andar as súas propias iniciativas, e desta maneira se xestaba xa a finais do ano 2001 a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, con sede en Ferrol e dedicada a "impulsar a reivindicación da débeda histórica que se mantén coas persoas que sufriron a represión no período franquista". Segundo explica Eliseo Fernández, un dos membros da asociación, "empezou cun grupo pequeno de xente, que fixo unha convocatoria pública desde o Ateneo Ferrolán. Algúns eran historiadores, outros eran familiares de persoas que padeceron a represión". Entre as actividades que puxo en marcha este grupo, está a mobilización para que os distintos concellos da bisbarra recoñezan os represaliados e outras actividades locais de reivindicación. Alén diso, encargáronse de organizar o Congreso da Memoria, que acaba de se celebrar en Narón.
Fervenza de memoria
Os actos arredor dos represaliados multiplicáronse nos últimos anos por todo o país. Cangas celebraba en abril unhas xornadas en recoñecemento aos caídos pola república promovidas polo Colectivo Cangas pola Memoria común, unha plataforma na que participan partidos políticos e asociacións da vila. O vinteoito de agosto o colectivo lembraba coa inauguración dun monumento a execución de once republicanos nesta mesma vila. Tamén Castroverde inaugurou unha laxe de granito en memoria das quince víctimas da represión durante 1937. O Concello de Celanova lembrou en setembro os milleiros de presos que acolleu entre 1936 e 1943 no seu penal. O dezaseis de outubro Rianxo celebraba con varios actos, entre eles a presentación dun libro, os presos republicanos que estiveron recluídos no campo de concentración da vila entre 1937 e 1939. O vinteseis de outubro celebrábase en Vilagarcía un ciclo de conferencias, desta volta convocado pola Coordinadora pro Monumento aos Represaliados polo Franquismo. En novembro Pontevedra acollía un novo acto de lembranza coa presentación dun libro dedicado o impresor e concelleiro Ramiro Paz, fusilado en 1936. Poucos días máis tarde o congreso que o Concello dedicou ao máis coñecido dos mártires da represión galega, Alexandre Bóveda, servía para rememorar os fusilados e represaliados coma el. Foi entre o vintesete e o trinta de novembro, e neste evento víronse as caras moitas das persoas que participaron, só unha semana despois, no Congreso da Memoria de Narón.
Congreso da Memoria
Todas estas iniciativas locais de reivindicación converxeron en decembro de 2003 na celebración do Congreso da Memoria de Narón. Catro días nos que historiadores, familiares de represaliados e xente interesada reuníronse para analizar este tema, e fixeron unha análise polo miúdo dos mecanismos de represión durante a guerra e a posguerra desde diferentes puntos de vista. "Estamos moi satisfeitos, houbo moita participación tanto de historiadores coma de público", sinala Eliseo Fernández. Desde a organización calculan que arredor dun milleiro de persoas se achegaron polos diferentes actos deste evento, no que tamén se inaugurou un monolito en recordo das víctimas. A Asociación Memoria Histórica Democrática traballa agora na publicación das actas do congreso e é a súa intención "estender as conclusións do mesmo á sociedade" a través de publicacións e novos actos reivindicativos. De cara ao futuro pensan na posibilidade de organizar un futuro congreso, aínda sen data, coa colaboración doutros colectivos de recuperación da memoria, coma a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Galiza.
ARMH Galicia
Fundamentalmente durante o verán de 2002, varios galegos van contactando coa Asociación para a Recuperación de Memoria Histórica (ARMH), interesados nos traballos que estes desenvolven. "O mesmo que unha boa cantidade de persoas de todo o estado que contactaron con esta organización, moitos somos netos e fillos de represaliados", sinala José Cabañas, vocal da asociación en Galicia. Segundo foron medrando os contactos entre os galegos foise consolidando a idea de crear unha sección galega da asociación, semellante ás que xa naceran noutras comunidades do Estado. Entre os promotores deste colectivo atópase desde o comezo o Colectivo Cangas pola Memoria, tanto coma organización coma a través da adscrición individual dos seus membros. Das máis de trescentas persoas que desde o noso país contactaron coa ARMH, arredor de cen conforman na actualidade a ARMH-Galicia, que se encontra en proceso de legalización logo de teren recibido en dúas ocasión o rexeitamento aos seus estatutos desde a Administración. Entre as actividades que xa realizou este colectivo está a primeira exhumación de restos que se desenvolveu en Galicia, os do guerrilleiro andaluz Miguel Cardeñas no Barco de Valdeorras. Para o futuro queren localizar unha foxa común que estaría no cemiterio de Pontevedra, organizar unha exposición itinerante, elaborar un censo das rúas dedicadas a figuras do franquismo e colaborar con diferentes concellos e institucións para dar a coñecer a realidade da represión no país.
Foro da Memoria
Tamén o Foro da Memoria, unha organización vencellada ao PCE e que está a funcionar a través da súa web coma un verdadeiro noticiario sobre a represión, ten a súa delegación en Galicia. Desde Vigo pretenden abrir foxas comúns coma a que supostamente existe nas proximidades do aeroporto de Lavacolla, en Compostela. Alén diso, amplían o seu campo de actuación á localización de republicanos desaparecidos, a recuperar os restos de exiliados falecidos en campos de concentración nazis e a analizar polo miúdo a represión franquista en cidades coma Vigo.
Mecanismos da memoria
Emilio Silva, fundador da ARMH recoñece que "a apertura da foxa dos 'Trece de Priaranza' foi, sen dúbida un punto de inflexión na relación da sociedade coa memoria". Segundo el, a explicación á mudanza que se deu no país neste sentido ten moito que ver co tempo que transcorreu desde a fin do franquismo. A morte de moitos dos protagonistas dos feitos onda a fin do temor ás represalias por parte dos superviventes xa anciáns son evidentemente algunhas das causas que promoveron este relanzamento da memoria sobre a Guerra Civil. O interese de moita xente que xa non lembra directamente a ditadura e quere coñecer o destino dos seus antepasados represaliados é un dos principais activos destes movementos. Para Silva, este período de vintecinco anos é "similar" ao que precisaron os franceses para revisar a colaboración co nazismo ou a propia Alemaña para enfrontarse de xeito colectivo aos feitos deste réxime. Tamén recoñece a importancia dese primeiro paso dado no Bierzo á hora de crear un fenómeno de imitación "a memoria enmudecera durante décadas, mais cando saíu da terra e non a silenciaron foi un exemplo para todos".
Memoria nas alturas
Sexa polo que sexa, está claro que a percepción que se ten sobre aqueles feitos e aquela época está a mudar. O 20 novembro de 2002 o Congreso dos Deputados aprobou unha declaración de condena á ditadura franquista. A pasada semana, coincidindo coa celebración de vintecinco anos da Constitución, un grupo de represaliados e de loitadores antifranquistas visitaba o hemiciclo. Nos últimos anos fóronse sucedendo tanto a nivel estatal coma nos diferentes parlamentos autonómicos e en multitude de concellos, diferentes iniciativas legais para recoñecer a figura dos que sufriron a represión franquista. A memoria móvese cada vez a maiores alturas.