Falece o músico Emilio Cao

O arpista foi unha figura clave para entender a evolución da música galega desde a transición

Un novo golpe para a escena musical galega ven de chegar este luns co anuncio do falecemento de Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953). O artista, unha figura esencial para entender a música en Galicia desde a transición, falecía onte na súa cidade, Santiago de Compostela aos 72 anos de idade deixando tras de si unha traxectoria profesional impecable e pola que, xustamente fai un ano, recibía un galardón honorífico por parte da profesión musical do país nos Premios Martín Códax da Música Galega. Naquel momento o premio foi recollido na gala polo seu fillo. No ano 2008 viu tamén galardoada a súa traxectoria co Premio Opinión a unha Andaina Senlleira na primeira edición desta modalidade dos galardóns da música folk Premio Opinión. Os seus restos mortais están no tanatorio do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Será incinerado o martes na intimidade familiar, segundo comunica o xornal La Voz de Galicia.

Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde o medievo, ao que se enfrontou de maneira autodidacta, Emilio Cao é unha das figuras da música do noso país que concitan un recoñecemento unánime desde que comezou a súa carreira musical nos primeiros anos setenta. Desde a asociacón Músicas O Vivo que lle deu o galardón o pasado ano non aforraron valoracións ao referirse ao premiado como renovador, viaxeiro e figura clave na apertura da música galega no ámbito internacional, sobre todo no que ten ver co vencello da música galega co folk de alma celta.

Con só vinte e catro anos, Cao publicou o disco, 'Fonte do Araño' (Novola, 1977) que supuxo a apertura da música galega ás músicas do mundo reunindo a intérpretes como Xoán Piñón e Bernardo Martínez, de DOA, ou Antón Seoane e Xosé Ferreirós, de Milladoiro, coa produción de Nonito Pereira. A música tradicional, a improvisación e o pop-rock confluían naquel disco pioneiro no que contaba coa colaboración dunha "vaca sagrada" do folk internacional en Bretaña e Europa como era Alan Stivell, cantautor, arpista e responsable en boa parte da popularización da música celta nos anos setenta e oitenta do século pasado. Este disco de Cao trouxo aires novos para un panorama musical que en Galicia abalaba entre a canción protesta e a música tradicional. O seu impacto mantívose vixente e como exemplo o seu 'Fonte do Araño' foi un dos temas elixidos polo grupo Eladio y los Seres Queridos como sinxelo do seu disco de versión 'Cantares' (2016), para o que contaron coa colaboración do propio Cao.

No perfil da súa traxectoria seguirían a ese primeiro traballo os discos 'A Lenda da Pedra' (Guimbarda, 1979), 'No manto da auga' (Guimbarda, 1981), 'Amiga Alba e Delgada' (Edigal 1986, Boa-Do Fol, 1998, reedición), 'Cartas Mariñas' (Lyricon 1992, Boa-Do Fol, 1998, reedición) e 'Sinbad en Galicia' (1996, Boa-Do Fol). Emilio Cao peregrinou por diferentes linguaxes e estilos desde os seus inicios, cando colaboraba como baixista e guitarrista co grupo de psicodelia e rock progresivo N.H.U. (galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2014) ao tempo que acompañaba a Benedicto e Bibiano en Voces Ceibes. Desde principios dos oitenta, Cao compuxo bandas sonoras para teatro -é o caso de "Agasallo de Sombras" de Roberto Vidal Bolaño en 1984, audiovisual e danza, e realiza un gran número de concertos en España e Europa (Francia, Países Baixos, Reino Unido, Alemaña, etc). Punto e aparte merece a súa intensísima relación con Portugal, sendo un dos artistas galegos que máis concertos deu no país veciño onde estableceu colaboracións artísticas con figuras como Fausto ou Carlos Paredes. En 1998 participa no disco 'Cantame mis Canciones (Tributo a Jackson Browne)' xunto a Kiko Veneno, Luis Eduardo Aute, Jabier Muguruza e Maria del Mar Bonet, entre outros. Coma nun poema becqueriano, hoxe a arpa queda soa, nun recuncho, sen os dedos hábiles de Cao sacándolle as notas.