A curta 'Curmán' acada catro galardóns en Cans

A obras de debut copan case todo o palmarés desta XXIIª edición do festival porriñés

A obras de debut copan case todo o palmarés desta XXIIª edición do festival porriñés
Posado dos premiados Foto: Festival de Cans
O Festival de Cans pechou a súa XXIIª edición repartindo o seu palmarés nas diversas seccións de competición oficial e tras realizar as súas homenaxes a realizadores como Alfonso Zarauza e Daniel Sánchez Arévalo. A curta 'Curmán' foi elixida polo xurado como gañadora na sección de Ficción e levou ata catro galardóns. 'Curmán', película debut como director do ata agora actor Alejandro Jato narra a perda de inocencia do protagonista. O filme triunfou na noite de galardóns engadindo o premio a Mellor Actriz para Melania Cruz, Mellor Fotografía para Alicia Francés e o premio do Xurado de veciños.

O xurado xustificou a súa decisión "pola mirada inocente, ao tempo que complexa, na que confronta a pulsión natural coa imposición moral creando unha peza sólida no seu conxunto", ademais destacou o traballo de Melania Cruz "pola habilidade para iluminar os distintos estados emocionais polos que se move a personaxe: unha nai que nos traslada ao imaxinario colectivo doutra época". 'Curmán' tamén se fixo co premio do Xurado dos veciños, que valorou "un traballo no que gustou como se soubo tratar e transmitir ao público o tema da iniciación no sexo", e o premio a Mellor Fotografía para Alicia Francés pola "sensibilidade na creación de atmosferas utilizando diferentes formatos a favor da historia".

O palmarés da sección de Ficción o completan Xosé Dopazo e Javier Rúa, que gañaron o premio a Mellor Dirección pola curtametraxe 'Mounir'. O xurado destacou a "madurez coa que contan unha historia na que xogan elementos reais e ficticios".

Premios en Animación, Furacáns e Novas Camadas
No apartado de Animación o premio do xurado foi para 'Cadáver de dragón', de José Garnelo, filme do que se valorou o "uso audaz da técnica para construír un universo con personalidad"”. O filme é o debut de Garnelo na dirección, logo de traballar no equipo de psiconautas con Alberto Vázquez, o seu primeiro traballo como animador. A curta tamén gañou o premio a Mellor Guión para Jacobo Díaz e José Garnelo "pola virtuosidade á hora de contar unha historia que emociona sen palabras".

Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi 'Exposed', de Nela Fraga, considerada polo xurado desta sección como "unha opera prima que conmove na súa celebración do íntimo. Unha película que recollendo a tradición do cine experimental, contaxia o desexo de facer cinema". No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio "Deleite" foi para 'Ciudá de ladrillo', de Carlota Álvarez, “"un filme que pon no centro os espazos de sonoridade, onde rir e estar xuntas. Valorando a recollida de memoria oral e a activación dun arquivo fotográfico do proceso de cambio dunha comunidade", en opinión do xurado.