Rianxo acollerá o IX No bico un cantar

O Consello da Cultura Galega homenaxea a Castelao na nova xeira deste concerto, que reunirá 500 voces de diferentes conservatorios e centros de ensino musical

A Praza Rafael Dieste de Rianxo acollerá ás 18 horas do vindeiro 6 de xuño a novena xeira de No bico un cantar. O concerto que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega reunirá nesta xeira 500 nenas e nenos dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia, a quen se sumará alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apostol de Bos Aires.

A coincidir coa celebración do 75 aniversario do pasamento de Castelao, a actividade desenvólvese na vila natal do galeguista e suporá a estrea absoluta de Daniel, peza composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais, con arranxos musicais de Juan Durán e realizada sobre un poema de Emilio Pita. Canda a esta, interpretaranse a composición barroca para instrumentos de vento Galliard Battaglia, Bicos do mar, o Lela incluído en Os vellos non deben de namorarse e mais Ondiñas da nosa ría. A rianxeira, de Xesús Frieiro e Anxo Romero. O recital finalizará como é habitual co Maio longo que adapta o poema de Rosalía de Castro.

Maximino Zumalave dirixirá un recital no que participa a agrupación de metais Hércules Brass a acompañar as voces dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participa tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exercerá de mantedora do acto.

Segundo lembra o Consello da Cultura, o proxecto No bico un cantar "pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia".