Macarena García e Iria Bermúdez fanse co V do Premio Alberte Quiñoi

O xurado outorgoulle á súa obra Un porquiño polo San Martiño os 4.000 euros do galardón

O Concello da Estrada acollía este 7 de maio o fallo do xurado do V Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi. O comité seleccionou por unanimidade o traballo Un porquiño polo San Martiño da autoría de Macarena García Vicente e Iria Bermúdez Rozas como gañador desta xeira. As autoras recibirán un premio de 4.000 euros en metálico e verán a súa obra publicada pola editorial Galaxia.

No fallo, o xurado destaca da obra o contar cunha "estética moi coidada, tanto no tratamento visual como na elección dos elementos gráficos, o que contribúe a unha experiencia lectora sólida e atractiva".

Ademais "pon en valor o respecto e o coidado animal dun xeito honesto e sensible, sen caer na procura do riso nin na lexitimación dos excesos". A expresividade e o sentido do humor da obra, canda ao seu tratamento da morte foron tamén factores tidos en conta na elección.

O xurado estivo composto por Sandra Lodi, ilustradora e gañadora do premio na edición pasada; Xosé Tomás, ilustrador e docente; Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia; Armando Requeixo, crítico literario; e Carlos Loureiro, que actuou como secretario.