Vilar de Barrio estrea un Museo de Escritores e Escritoras locais

Recolle máis de trinta autores e setenta obras relacionadas co lugar

Con algo máis de mil habitantes o concello ourensán de Vilar de Barrio terá desde este vindeiro sábado un museo dedicado aos seus escritores. A Sala Multiusos do Concello será o primeiro lugar onde se amose este proxecto impulsado polo alumnado de quinto e sexto de Primaria do CEIP da localidade en colaboración co concello. Este Museo de Escritores e Escritoras de Vilar de Barrio nace coa intención de poñer en valor a literatura galega e visibilizar o traballo de escritoras e escritores relevantes, de ámbito local, tanto escritores nacidos, como con obra relacionada co municipio, destacando o papel da cultura no medio rural. O museo foi ideado, deseñado e realizado polo alumnado, cun forte compromiso coa lingua, a identidade e a creatividade. O proxecto, que recolle máis de 30 autores e autoras e 70 obras, ten un carácter itinerante, xa que o museo percorrerá diferentes aldeas do concello nos vindeiros meses, e ao final do verán quedará instalado de maneira permanente na propia biblioteca do concello de Vilar de Barrio. A inauguración enmárcase dentro das actividades culturais organizadas polo Día das Letras Galegas, e contará cun concerto musical e un mercadiño de libros, abertos a toda a veciñanza e visitantes.