Caaveiro e o desastre do Annual protagonizan novas propostas da BD galega

As novelas gráficas Seica son unha pendanga? e A miña outra vida súmanse aos lanzamentos recentes

7/5/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: banda deseñada
54 lecturas | Compartido 0 veces

Dúas obras de carácter histórico destacan entres os lanzamentos recentes da banda deseñada galega. Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das Fragas do Eume é o título do volume que asinan o ilustrador Delio Rodríguez Ces, o historiador Lois Gómez Souto e Ismael Blanco Bouza como coordinador e coautor do guión. Publicada pola Deputación da Coruña, a obra percorre a evolución deste monumento nunha narración que se estrutura a partir das catro estacións do ano.
Pola súa banda, o dúo de guionistas composto por Pepe Rey e Manuel López Poy sumou o ilustrador Jose M. Espinosa Fernández para lanzar Zoco el Telatza. Este álbum histórico de 64 páxinas publicado por Cascaborra Ediciones repasa a historia real dun grupo de militares españois que tenta fuxir durante o desastre do Annual, na guerra de Marrocos.

A estes lanzamentos súmase a novela gráfica Seica son unha pendanga?, do veterano fancineiro Carlos Barros Guerton e publicada por Demo Editorial. A obra, ambientada en 1993, narra as vivencias de Lena "unha moza urbana insatisfeita coa súa vida e co mundo". Cun estilo underground, o volume de 80 páxinas percorre boa parte da vida nocturna da época na Coruña e fai un repaso crítico da sociedade do momento.

Pola súa banda, Retranca Editora anuncia A miña outra vida, primeira novela gráfica de Miguel Rojo. A obra retrata en 140 páxinas as tribulacións dun coleccionista de BDs en plena crise dos 40 anos que se enfronta á necesidade de mudar a súa vida.

Finalmente Galaxia presentou a obra de fantasía Historias do Páramo. Senande e Pjota asinan esta historia na que unha candorca tenta salvar unha estraña cativa das forzas escuras que a queren atrapar.

Universo culturagalega.gal

22/02/2011

Dosier: Caaveiro

Inaugúrase a rehabilitación do mosteiro de Caaveiro