O XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo recoñece a Fernanda Tabarés

Alfonso Cid González levou o galardón ao mellor traballo xornalístico do ano

| Santiago. Redacción | Seccións: Comunicación
Compartir:
O XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo recoñece a Fernanda Tabarés

A ourensá Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, foi recoñecida co XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. Este galardón honorífico que convoca a Deputación de Ourense valora o seu traballo "como figura indispensable do xornalismo galego contemporáneo" e destaca "o seu traballo rigoroso, comprometido e sempre apegado aos principios deontolóxicos da profesión".

Segundo apunta o fallo do galardón, Tabarés contribuíu "decisivamente á excelencia e á dignificación da comunicación en Galicia" e fixo visible "o papel fundamental das mulleres na comunicación, nun compromiso que transcende o profesional para converterse tamén en motor de cambio social".

Canda a ela, o galardón recoñeceu como mellor traballo xornalístico do ano o programa radiofónico que Alfonso Cid González realizou para Radio Liverdade a contar a historia de Obdulia Díaz Picouto e a súa filla, Lola Nóvoa Díaz, "que ao longo de 38 anos axudaron a través dunha rede de solidariedade a máis de 200 crianzas no casco vello de Ourense, a maioría fillos de prostitutas". O autor recibirá un premio en metálico de 4.000 euros.

O fallo establece ademais un accésit de 1.000 euros para o equipo integrado pola reporteira Úrsula Lorenzo Rubial e o cámara Andrés Vilela Aneiros. Unha reportaxe sobre o día dunha enfermeira no rural galego para Antena 3 Noticias valeulles este recoñecemento.

O xurado do galardón estivo presidido polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, con Ana Isabel Rodríguez, Emma Torres, Abelardo Vázquez, e Camila Riquelme-Brevis como vogais. Alberto Carnero, asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, actuou como secretario do comité.

Que che parece esta nova?
87 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xornalismo, Xosé Aurelio Carracedo, Deputación de Ourense, Voz Audiovisual...