Tui acolle o 21 Play-Doc do 7 ao 11 de maio

Elaine May, Monte Hellman, Michael Roemer clásicos do cinema da India protagonizan a nova edición do festival

Elaine May, Monte Hellman, Michael Roemer clásicos do cinema da India protagonizan a nova edición do festival
Está todo preparado para a vixésima primeira edición do Play-Doc. O festival de cinema que se celebra en Tui entre o 7 e o 11 de maio chega cunha forte presenza internacional ao tempo que presta unha especial atención á produción galega neste campo.

A nivel internacional, o evento dedica focos específicos aos norteamericanos Elaine May e Monte Hellman, "dúas figuras icónicas do novo cinema estadounidense nas décadas de 1960 e 1970, cuxa obra, aínda que enormemente influente, permaneceu en parte inaccesible e difícil de reunir", lembra a organización do evento. Canda a eles, contará tamén cun espazo dedicado ao alemán Michael Roemer. A obra deste director "rexurdiu con forza nos últimos anos, consolidando a este singular cineasta como unha das voces fundamentais do cinema independente estadounidense do s. XX". Finalmente, o público que asista ao festival poderá asistir a unha selección de clásicos do cinema da India restaurados pola Film Heritage Foundation.

A competición internacional contará cos novos traballos de Camilo Restrepo, Marta Mateus, Julen Etxebarria, Jean-Claude Rousseau, Ben Rivers, e das duplas de dirección formadas por Margaux Dauby e Raúl Domingues, e Pierre Creton xunto con Vincent Barré. O xurado estará composto polo distribuidor e produtor franco-austríaco Pierre-Emmanuel Finzi, o cineasta estadounidense C.W. Winter e a estratega francesa de distribución en festivais Pascale Ramonda.

No ámbito galego, poderá verse no encontro unha selección de películas que dan conta da vitalidade e diversidade do cinema galego contemporáneo. Delincuente, de Nuria Vil e Alba Domínguez, Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, Exposed, de Nela Fraga, Maroun regresa a Beirut, de Feyrouz Serhal, Nayan, de Carla Andrade, O costume do traballo de Luis Morla, O silencio herdado, de Lucía Dapena González, Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal, Pura, de Carmen Méndez, Quieres salir puedes entrar, de Pablo Villalobos Leal, Sepáraste moito, de Paula Veleire e Un dragón de cien cabezas, de Helena Girón e Samuel Delgado fan parte desta competición. O estará composto pola produtora Silvia Fuentes, o director, produtor e deseñador gráfico Michael Wahrmann e a artista visual, cineasta e codirectora do (S8) Ana Domínguez.

Para alén da sección oficial, Pepe Coira propón no marco do programa o espazo Sombras co que quere recuperar a memoria do cinema máis próximo. Na súa segunda edición, a sección céntrase a figura de Bernardino de Lamas, de quen se poderán ver 22 das 90 bobinas que se conservan deste creador. Segundo a organización do evento, estes filmes "capturan con espontaneidade excursións, romarías e escenas da vida cotiá" e supoñen "un arquivo vivo da Galicia dos anos 20 e 30".

A adiantar proxectos en marcha no noso país, o espazo Coming Soon dará a coñecer a proposta Kiro de María Yáñez sobre a gran diva pop da canción galega dos anos 70 e 80. Despois das cidades, o novo filme-ensaio de Xacio Baño, e Notas entre silencios, o próximo documental de Fon Cortizo completan esta sección, na que os creadores darán a coñecer estes filmes en andamento.

Dentro do espazo dedicado ao sector profesional desenvolverase o día 10 un encontro profesional sobre políticas audiovisuais públicas. Representantes dos principais organismos de apoio á produción e difusión audiovisual -AGADIC, ICAA e MEDIA-, que presentarán as súas principais liñas de financiamento e explicarán os obxectivos estratéxicos das súas políticas no ámbito galego, estatal e europeo.

Nas actividades paralelas, a organización desenvolverá dous espectáculos ao vivo que conectan música e o patrimonio. Como novidade, a sección Cinema Percorridos, adopta un novo formato e propón o día 9 dous espectáculos consecutivos asinados por creadores galegos. SACRO, performance audiovisual en tempo real do músico Fon Román e o realizador Oswaldo García, parte dun escaneado 3D do conxunto monumental de Santo Domingo e transforma a igrexa gótica nun espazo no que se atopan proxeccións visuais e música ao vivo. Pola súa banda, N0WX, pola súa banda, é unha proposta conxunta do artista sonoro Xoán-Xil López o cineasta Iván Torres Hdez. A combinar un concerto expandido e unha instalación audiovisual, a obra nace dunha investigación sobre antigos puntos de emisión radiofónica en Galicia. "Voces, frecuencias e ruídos de transmisións desaparecidas mestúranse con proxeccións analóxicas para construír unha paisaxe sonora e visual que evoca tecnoloxías en desuso, ecos do pasado e cartografías invisibles", explica a organización.
Ligazóns