Fecha a revista dixital A Cuarta Parede

O espazo dedicado á crítica cinematográfica contaba cunha carreira de 14 anos de actividade

Este pasado 28 de abril a revista dixital A Cuarta Parede comunicaba o seu cesamento de actividade. A que fora referente na crítica cinematográfica en galego na rede desaparece logo de 14 anos dedicados á sétima arte. A dificultade para contar con recursos para manter este proxecto, que se baseaba no traballo voluntario, está detrás da decisión.

A explicar as causas desta decisión o colectivo que coordina esta cabeceira apunta que "nos últimos tempos, as dinámicas da crítica cinematográfica mudaron profundamente e sentimos que a revista xa non cumpría do mesmo xeito o rol fundamental que desempeñou durante máis dunha década: servir como espazo de referencia para a reflexión cinematográfica na nosa lingua e como plataforma para acoller e impulsar novas voces interesadas en iniciarse no mundo da crítica".

Como feche do proxecto realizaranse varias actividades de despedida. Unha mesa redonda o vindeiro 10 de maio sobre os retos da crítica cinematográfica independente no marco do vindeiro Play-Doc de Tui será a primeira destas propostas. "Neste primeiro evento afondaremos nas causas do peche da revista, falaremos do futuro do noso arquivo e reflexionaremos colectivamente sobre a situación da crítica en España e Portugal, nun contexto cada vez máis cambiante e precarizado, acompañados por representantes de medios de referencia como Caimán Cuadernos de Cine e À Pala de Walsh".