Trinta anos de creación audiovisual de Alfonso Zarauza

Un ciclo e unha exposición amosan a súa produción e o traballo máis invisible tras dela

Un ciclo e unha exposición amosan a súa produción e o traballo máis invisible tras dela
Alfonso Zarauza e a concelleira Miriam Louzao Foto: Concello de Santiago
O 24 de febreiro do ano 1995 estreábase no Cine Valle-Inclán de Santiago de Compostela a curtametraxe 'Hay que joderse', detrás daquel traballo amador había dous nomes: Pablo Iglesias Rendo (Santiago, 1977) e Alfonso Zarauza (Santiago, 1973). Co gallo do trinta aniversario daquel intre o hoxe recoñecido realizador Alfonso Zarauza fai unha parada para mirar atrás na súa prolífica carreira como cineasta a través de dúas accións que estes días teñen lugar na cidade que o inspira e que, dun xeito ou doutro, forma parte de toda a súa produción audiovisual. A primeira das accións é puramente cinematográfica e ten lugar estes días na sala NÚMAX, onde se programa un ciclo retrospectivo da súa filmografía, proxectando cada martes ata finais de mes unha das súas películas. Hoxe mesmo, 29 de maio poderán verse 'Encallados'(2013) e máis 'Flâneu en Compostela' (2020). En cada unha das sesións acudirán o director e algún dos membros do equipo de rodaxe.

A outra acción, tal vez a máis novidosa de ver, é unha exposición organizada co Concello de Santiago que abrirá este mércores no espazo Zona C da Praza de Cervantes. Co título 'Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza', o propio realizador expón a parte non visible da súa traxectoria fílmica a través de documentos de todo tipo que forman parte dos procesos produtivos desde os inicios da súa actividade. Alfonso Zarauza, que explica ter pasado do amor á poesía á produción audiovisual dun xeito case orgánico, fai o comisariado desta exposición onde recolle materiais diversos como carteis, guións, documentos de traballo, fotografías de rodaxe e retratos de intérpretes que hoxe contan cunha sólida traxectoria profesional. A ollada para atrás na súa carreira, un acto para o que asegura non ter tido tempo ata o de agora, reafírmao na dirección escollida como autor e así o título da mostra é toda unha declaración de intencións dun futuro que ten a súa base no xa feito. A exposición estyará aberta ao público ata o vindeiro 7 de xuño.

Un realizador ligado a unha cidade
A historia fílmica de Zarauza é tamén a propia historia do Santiago destes trinta pasados anos, unha cidade que nos anos 90 fervía de talento e actividade cultural, unha cidade bohemia e brillante nun tempo do que o realizador se declara fillo directo como creador. Ata tal punto era importante aquela actividade cultural que Zarauza explica que, cando marcho a Madrid buscando medrar como cineasta, todo o que el agardaba atopar alí, deuse conta que xa o vira en Santiago. O realizador, convencido do capital artístico existente nesta cidade, de "artistas que sobreviven na precariedade e a na invisibilidade" comezou a crear sobre a base de amosar todo a esa riqueza e captar o espírito da cidade. De aí saíron traballos como 'Encallados' (2023) ou 'A noite que deixou de chover', un dos primeiros e premiados traballos de Luis Tosar. Estes, entre outros moitos recoñecidos filmes producidos a través da súa propia produtora Maruxinha Film Company, poden verse no ciclo de NÜMAX. Ademais moitos dos documentos gráficos ou textuais dos que parten estas producións poden verse nesta nova exposición sobre un autor que, como profesional da produción está tamén a ser tremendamente influínte no rico panorama actual do audiovisual galego colaborando con cienastas como jaione Camborda, Lois Patiño ou Ledicia Sola.