A editorial Galaxia súmase ás Letras das cantareiras con tres novos títulos

As vellas de Mens, A avoa canta como a cotovía e Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego chegan ás librarías

<i>As vellas de Mens</i>, <i>A avoa canta como a cotovía</i> e <i>Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego</i> chegan ás librarías
O Día das Letras dedicado ás cantareiras continúa a dar pé a novas publicacións editoriais. Da man da editorial Galaxia está a chegar ás librarías As vellas de Mens, volume no que José Manuel Fernández Pensado (Manel de Aturuxo) narra desde a súa perspectiva única a historia destas tocadoras.

Co ollar de quen as viu aparecer e conviviu coas protagonistas deste 17 de maio, o autor relata "como foi posible que unhas mulleres labregas xa maiores se integrasen nunha agrupación folclórica por espazo de tanto tempo, quen eran, cal era a súa contorna, os seu devezos e o que significaron para o eido folclórico galego".

Canda a esta, para público a partir de dez anos, a editora presenta A avoa canta como a cotovía. Esta obra de Celia Díaz Núñez ilustrada por Alba Santa amosa a relación dun neto coa súa avoa cando esta comeza a perder a memoria e só lembra as cantigas tradicionais da mocidade. O volume obtivo un accésit do Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2024.

Finalmente, deste un ámbito máis académico, Xesús Alonso Montero asina Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego, un estudo que, a través de 15 leccións "pon a atención en dúas dimensións das nosas composicións populares: no que teñen de artístico, de poético, e no que conteñen como documento sociohistórico, así como nos creadores e re-creadores anónimos populares, nunha gran maioría mulleres". Deste xeito, o volume "intenta mergullarse nos estamentos sociais subalternos que non só forxaron as cancións populares á luz do candil, senón que, re-creándoas ou non, nolas transmitiron ata os nosos días".