Manuel Rivas e Alberto Pombo fanse cos XL Premios Antón Losada Diéguez

Os galardóns, dotados con cadanseus 6.000 euros, entregaranse o vindeiro 14 de xuño

A cuadraxésima edición dos Premios Antón Losada Diéguez, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense, ten xa gañadores. O xurado seleccionou este sábado 12 de abril a novela Tras do ceo de Manuel Rivas como obra gañadora na modalidade de creación literaria, mentres Alberto Pombo obtivo o premio de ensaio por Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000).

Encol da obra de Rivas, o xurado valorou "a calidade literaria e lingüística dunha novela que, recuperando elementos xa clásicos na produción do autor, constrúe un universo narrativo absolutamente actual, pois pon o foco no choque entre a natureza e unha civilización que se revela como destrutora do hábitat que nos fai seres humanos". Entre os méritos do texto, o fallo salienta que "o autor manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa creada a partir de diversas situacións de desigualdade e explotación, violencia e destrución, que pairan sobre o texto para inducirnos á reflexión e a profundizar en emocións e sentimentos dificilmente expresables".

No caso do premio de ensaio o xurado destaca o se tratar dunha "documentada tese de doutoramento está na orixe desta obra fascinante, que trae á luz a relación entre a música popular -pop, rock, punk, heavy metal, bravú, música infantil- e a literatura galega", e apunta que o autor "desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso".

Os autores recollerán os galardóns, dotados con cadanseus 6.000 euros e cunha escultura de Acisclo Manzano, o vindeiro 14 de xuño en Boborás. As dúas obras están publicadas por edicións Xerais.