Unha empresa xestionará a Galicia Film Comission

Agadic abre o procedemento de contratación do servizo para a xestión e promoción da entidade

A Axencia Galega de Industrias Culturais ven de sacar a licitación por procedemento aberto a contratación do servizo de xestión e promoción da Galicia Film Commission, o que supón un paso máis cara a posta en marcha desta entidade que ven anunciándose desde fai tempo e que o sector audiovisual demanda. Segundo especifica o prego, Agadic contrataría cunha entidade externa todo o desenvolvemento das tarefas da Galicia Film Comission baixo a súa supervisión e mando, incluída a xestión da plataforma tecnolóxica licitada previamente e entregada pola UTE Balidea -Ilux desde o ano 2023. Foi en marzo dese ano cando o entón conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, daba unha rolda de prensa na Cidade da Cultura de Galicia asegurando a inminente posta en marcha da comisión, presuntamente entón con persoal propio da Agadic. Desde a recepción da plataforma tecnolóxica non se tivo máis noticias da GFC ata a publicación desta contratación na Plataforma d Contratos Públicos da Xunta de Galicia. A data de inicio do contrato a licitar de xestión será, segundo os pregos, o vindeiro 1 de xuño de 2025. O contrato terá unha duración inicial de dous anos prorrogables cun valor estimado de 210.928,51 euros sen IVE.

A Galicia Film Commission será unha iniciativa para o desenvolvemento de actuacións conxuntas que faciliten os trámites das rodaxes en Galicia. a través da que se desenvolverán diferentes accións, na cadea da produción audiovisual, tales como apoio financeiro, da promoción e difusión, captación de rodaxes ou da prestación de servizos. Ademais, a plataforma tecnolóxica servirá como ferramenta ao alcance do sector, pensada como lugar de encontro e de traballo entre o sector público e o privado, onde as persoas profesionais poidan ter un escaparate que visibilice os seus produtos e os seus servizos ou atopen aqueles recursos materiais, humanos, físicos ou patrimoniais que necesiten para desenvolver o seu traballo. Segundo explica a documentación da contratación, para afondar na promoción e difusión do sector dentro e fóra de Galicia así como para impulsar a plataforma tecnolóxica e poder dar o servizo para o que foi creada requírese dunha atención e xestión especializada que permita manter, alimentar e xestionar a información e contidos da plataforma e, ao tempo, colaborar nas a labores de promoción e difusión determinadas pola Agadic.

O documento de condicións especifica todas as tarefas a realizar pola adxudicataria, que inclúen todos os servizos específicos da actividade así como o seguimento de diversos plans estratéxicos e a consecución de obxectos determinados desde Agadic. As tarefas inclúen explicitamente a colaboración e coordinación coas Films Commissions locais para determinar estratexias e actividades conxuntas para estimular as rodaxes en Galicia. Especifíciase tamén, que sobre o Plan de Traballo presentado pola adxudicataria a Agadic realizará encargos mensuais indicando as tarefas a executar e que haberá un informe mensual nese sentido. No relativo ao persoal, esíxese para levara a cabo estas tarefas, ademais dunha licenciatura ou grao, demostrar tres anos, mínimo, de experiencia en postos de responsabilidade na produción e / ou promoción de proxectos do ámbito audiovisual. Todo persoal asignado ao contrato dependerá exclusivamente da empresa adxudicataria, a quen corresponden todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador, sendo a Administración contratante totalmente allea ás devanditas relacións laborais e o lugar de traballo, segundo os pregos irá tamén por conta da adxudicataria.