A recuperación de cultivos e de especies gandeiras tradicionais gaña espacio en Galicia durante os últimos anos

Sabores de antano

A nosa alimentación redúcese cada vez máis a unha minoría de especies animais e vexetais. A globalización e a busca dunha produción masiva eliminou da industria alimentaria boa parte da variedade que noutros tempos inzaba os campos. No entanto, a nivel internacional xa comezan a aparecer respostas contra este empobrecemento alimentario e ecolóxico. Tamén en Galicia, de xeito paralelo a estes movementos, se están a dar pasos para recuperar especies de uva, de galiñas, de millo ou de porcos que ofrecen produtos de maior calidade ao prezo de ter menos produción.


En 1897 a comarca do Valadouro era atacada pola epidemia de filoxera. En pouco tempo a totalidade das vides da zona eran aniquiladas, coma no resto de Galicia, pola peste, acabando coa produción vinícola da zona. Mentres outros lugares do país conseguiron recuperar estes cultivos grazas aos enxertos realizados sobre pés de vide americana, o viño do Valadouro quedou só no recordo dos máis vellos. Até que, o pasado mes de decembro, os escasos froitos de dous emparrados centenarios deron os primeiros cinco litros de viño da comarca en máis de cen anos. "Eran as parras que quedaron diante de dúas casas, e co cambio climático voltaron dar uva, que había moitos anos que non a daban. E como deron o ano pasado, e deron este tamén, dixemos, pois imos probar, a ver o que sae", sinala Roberto Reigosa, dunha das familias implicadas na recuperación fabricación do viño. A intención deste estudante é agora recuperar dun xeito máis extenso a plantación de vides na zona, repoboando aquelas mesmas zonas que noutro tempo se empregaban para a produción de uva. "Nos documentos de propiedade antigos explícase onde estaban antes plantadas as vides. Normalmente era nas beiras dos camiños e nos altos soleados". A existencia de moitas leiras abandonadas na zona anima aos Reigosa a continuar a repoboación dunha variedade de uva coñecida naquela zona coma "collón de mico", que pasou un século sen cruces nin modificacións.

A vertente internacional
A historia de cinco litros de viño non é unha grande noticia. Mais debemos ter en conta que, sen sabelo, Reigosa e a súa familia están a conectar cunha das tendencias máis destacadas da agricultura e do movemento antiglobalización mundial. As especies de cultivo autóctonas e dos alimentos que se elaboran a partir delas está a verse cada vez máis coma un tesouro cultural a preservar, e conservar estas variedades convértese nunha loita contra a uniformización de gustos e a alimentación industrial. Neste sentido está traballando desde hai xa quince anos Slow Food, unha organización que agrupa a sesenta e cinco mil socios en corenta e cinco países e que avoga por unha alimentación de calidade. Desde o ano 2000 este colectivo entrega un galardón co que recoñece os mellores traballos realizados para salvar a diversidade agrícola, gandeira e gastronómica ao tempo que protexen o equilibrio ecolóxico do planeta. A recuperación da transhumancia en Estremadura ou da produción de aceite de argán no Magreb foron algunhas das iniciativas premiadas.

Cultivos sociais
Un exemplo claro da importancia que poden chegar a ter este tipo de iniciativas a nivel social é a recuperación do Millo Corvo en Meiro, Bueu. O empeño por evitar a desaparición desta variedade, de moita menor produción que o millo actual, promove desde hai anos toda unha serie de actividades sociais e culturais. Visitas escolares aos campos de cultivo, a participación de escolares en tarefas agrarias, a recuperación de patrimonio rural (máis concretamente un muíño) e das receitas que se elaboraban con este produto son só algunhas das iniciativas máis directamente relacionadas co cultivo. A estas hai que engadir os actos que a Asociación Sociocultural, Deportiva e Xuvenil de Meiro, organiza na busca de fondos para soster esta iniciativa, e que van da edición de camisetas ou da revista "A lingua do corvo" á venda dos produtos elaborados a partir do millo.

Galiña de luxo
A un nivel máis industrial, e xa dentro do campo gandeiro, nos últimos anos está a coller forza a recuperación de razas autóctonas de gando, como é o caso do Porco Celta ou da galiña de Mos. Xa con apoio das institucións públicas, estas especies están a ser reintroducidas, aínda de xeito minoritario en certas explotacións agrogandeiras, buscando un produto diferente e de calidade. É o caso da galiña de Mos, case a piques da extinción debido á súa substitución progresiva por especies destinadas á cría industrial que ofrecían unha maior facilidade de engorde . Orixinaria da Terra Cha lucense, era esta variedade a empregada tradicionalmente para a produción dos afamados capóns de Vilalba, dada a súa boa capacidade de produción cárnica e a calidade dos seus derivados. Seguindo as directivas que estabelece a Política Agraria Común da Unión Europea, a Xunta ofrece desde finais dos anos noventa apoios para recuperar a especie dentro do Plan de Mellora Gandeira de Galicia. Na actualidade existe unha asociación de criadores de galiña de Mos (Avimos) e se está a recoñecer a calidade destas aves, que superan en chegan facilmente aos corenta euros por exemplar no mercado.

Porcos autóctonos
Do mesmo xeito, tamén a raza de porco celta está a dar pasos para salvarse da extinción. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, "en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta, aínda que non comezou a funcionar realmente até o ano 2000", sinalan desde este colectivo. De novo o apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das calidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana dunha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galicia, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento. Ao igual que a galiña de Mos, o porco celta ofrece, segundo os seus criadores, uns produtos de grande valor comercial e moi apreciados polo consumidor exquisito. Na procura de conseguir a máxima calidade da carne, a maior parte das explotacións galegas dedicadas a este animal empregan un método no que os porcos están nun réxime de semiestabulación que lles permite moverse libremente dentro dun amplo recinto. Na actualidade, a produción de boa parte dos arredor de cen criadores deste porco está a ser adquirida por unha empresa asturiana de embutidos que selecciona aqueles exemplares que se criaron integramente ao ar libre e alimentándose de produtos naturais. "O fin último e conseguir a denominación específica para a nosa produción, aínda que polo de agora o volume de produción é moi pouco", recoñecen desde a asociación. A día de hoxe non existen máis de mil exemplares desta raza rexistrados no país.

Banco de especies
Curiosamente un dos referentes á hora de tentar a recuperación de vellas especies de cultivo é a Misión Biolóxica de Galicia, centro desde o que se difundiron a variedade de porco que veu substituír a raza celta ou os híbridos de millo que acabaron en boa medida co millo corvo. Na actualidade este complexo de investigación ten entre as súas liñas de estudo unha destinada a recuperar e conservar especies autóctonas. "Temos bancos de xermoplasma e cultivos con exemplares destas especies", sinala José Luís Martínez, xerente da Misión, "de cando en vez chama xente interesada nelas e veñen buscar sementes". Un completo catálogo de especies autóctonas de vides, millo ou leguminosas están a disposición dos que queiran que os seus campos produzan sabores coma os de antano.